Imagen_Sogama_Home
Vimeo
Linkedin

Idiomas

10 claves para un Nadal Sostible

Print this pagePrint this page
Ano: 
2015

Accede ó decálogo de claves para ter un Nadal Sostible.

1. APOSTA POR UN CONSUMO RESPONSABLE
Non caias nas compras compulsivas, planifícaas con suficiente antelación e non sexas vítima das présas de última hora, co risco do incremento de prezo dalgúns artigos. Adquire o que realmente necesites, axústate ao teu presuposto e non te deixes levar pola publicidade.

2. ADORNOS DE NADAL RESPECTUOSOS CO MEDIO AMBIENTE
Se elixes un abeto natural, asegúrate de que ten suficientes raíces e cepellón (terra adherida), régao e afástao da calefacción para que dure o suficiente. E, concluído o Nadal, lévao a un punto de recollida onde o trasplanten. Así mesmo, dá preferencia aos adornos reutilizados e elaborados con materiais reciclados e opta por luces de baixo consumo e con temporizador.

3. EVITA O DESPILFARRO ALIMENTARIO
España é o sétimo país da Unión Europea que máis comida malgasta (en torno a 7,7 millóns de toneladas anuais). Con sinxelos xestos poderemos invertir esta tendencia. Por exemplo, elabora unha lista da compra co que realmente necesites, coloca os alimentos na despensa por orde de prioridade en canto ao seu consumo, conxela os máis perecedeiros, vixía o bo funcionamento do frigorífico e diferenza claramente entre data de caducidade e consumo preferente. Estas e outras recomendacións figuran en www.aproveitadoquechesobra.es.

4. APROVEITA AS SOBRAS DAS COMIDAS
Con elas podes elaborar suculentos e atractivos menús. O libro de receitas de cociña “Para repañar o prato!”, á túa disposición en www.sogama.gal, pode servirche de axuda. Aí atoparás deliciosos primeiros e segundos pratos, así como sobremesas, que foron elaborados con sobras de comidas, ademais dunha serie de trucos para conservar os alimentos por máis tempo.

5. CONSOME PRODUTOS LOCAIS E DE TEMPADA
Adoitan ser máis saborosos e económicos, e teñen unha menor pegada ecolóxica.

6. AGASALLOS “VERDES”
Os obsequios fabricados con materiais reciclados, duradeiros e ecolóxicos son unha boa opción. E para o envoltorio, bota man de papel xa usado ou papel reciclado. Cun pouco de imaxinación pódense conseguir resultados sorprendentes.

7. O PODER DOS 3R
Reduce, Reutiliza e Recicla de forma permanente. Reduce a produción de lixo (o usar e tirar tense que acabar), reutiliza ao máximo os produtos para alongar a súa vida útil (o tarro da marmelada pódese converter nun lapiseiro, pero tamén nun floreiro) e clasifica os residuos en orixe para que poidan ser reciclados e transformados en novos produtos. Con isto contribuirás ao aforro de enerxía e materias primas.

8. CADA COUSA AO SEU SITIO
A reciclaxe só é viable se houbo previamente unha separación dos residuos por tipoloxías e un correcto depósito dos mesmos no contedor correspondente: amarelo, para latas, briks e envases de plástico; azul, para envases de cartón e papel; iglú verde, para envases de vidro; contedor específico para pilas; contedor verde convencional para a fracción resto. Os puntos limpos municipais están destinados a acoller aqueles refugallos que, dadas as súas especiais características, non se poden depositar nos contedores habilitados a pé de rúa: voluminosos, de liña branca (electrodomésticos) e de liña marrón (mobles), fluorescentes, aceites, etc. A través de www.oportunidadesparareciclar.gal podes obter toda a información sobre o sistema de recollida selectiva en Galicia.

9. A AUTOCOMPOSTAXE, UNHA MAGNÍFICA ALTERNATIVA PARA OS RESIDUOS ORGÁNICOS
Se habitas nunha vivenda unifamiliar e dispós de terreo (horta, xardín ou terras de cultivo), tes a opción de compostar a materia orgánica producida no teu fogar e obter un abono natural de alta calidade co que substituír aos fertilizantes artificiais. Se non dispós de composteiro, ensinámosche como fabricalo ti mesmo. Entra en www.compostaconsogama.gal.

10. E LOGO DO NADAL, QUE NON DECAIGA O EMPEÑO: MÁIS CONCIENCIA AMBIENTAL
Mantén as boas prácticas ambientais, incorpóraas á túa vida diaria como un hábito máis e coopera na tarefa de concienciación cidadá. O esforzo paga a pena: un mundo mellor, para nós, para os nosos fillos e para as xeracións vindeiras.

Galería