Imagen_Sogama_Home
Vimeo
Linkedin

Idiomas

7 bos propósitos ambientais para 2017

Print this pagePrint this page
Ano: 
2016

Aquí tes un breve listados de propósitos medioambientais para o ano 2017. O sétimo polo ti

1. CONSOME DE XEITO RESPONSABLE
Para non caer nas compras compulsivas e irracionais, resulta imprescindible elaborar unha lista do que realmente se precisa. Dá prioridade aos produtos de calidade e duradeiros, compra cantidades axeitadas e diferenza claramente data de caducidade (día límite a partir do cal o alimento non é apropiado para o consumo) e consumo preferente (tempo no que o produto aínda mantén intactas as súas propiedades).

2. REDUCE, REUTILIZA E RECICLA
Pon en práctica cada día os tres erres: consome de forma responsable, evita os envases e envoltorios innecesarios, leva a túa propia bolsa ao supermercado, prioriza as compras a granel, dá preferencia aos produtos comercializados en recipientes reenchibles e propicia a reciclaxe separando os residuos por tipoloxías e depositándoos nos contedores correspondentes.

3. SACA PARTIDO ÁS SOBRAS DE COMIDAS
Pon freo ao desperdicio de alimentos. En www.sogama.gal tes á túa disposición un libro de receitas de cociña “Para repañar o prato!” no que atoparás máis de 40 apetitosos e suxerentes pratos realizados con sobras de comidas, así como unha gran variedade de consellos e trucos de cociña para conservar os alimentos.

4. CADA RESIDUO AO SEU CONTEDOR
Latas, briks e envases de plástico, no contedor amarelo; envases de cartón e papel, no azul; envases de vidro, no iglú verde; pilas, no recipiente específico, a disposición en establecementos comerciais, colexios, casas consistoriais, etc; fracción resto, no contedor verde xenérico; residuos de carácter especial que non poden ser depositados nos contedores da rúa (mobles, colchóns, neveras, aceites, fluorescentes, etc), nos puntos limpos. Se necesitas axuda entra en www.oportunidadesparareciclar.gal.

5. COMPOSTA NA CASA
Se resides nunha vivenda unifamiliar que conte con horta ou xardín, a compostaxe doméstica constitúe unha magnífica opción para reciclar a materia orgánica en orixe e convertela nun abono natural de alta calidade, evitando o seu depósito nos contedores xenéricos. En www.compostaconsogama.gal ensínanche como facelo.

6. APRENDE XOGANDO
A través do xogo podes aprender a xestionar os teus residuos dunha forma sostible. Sogama pon á túa disposición distintos xogos adaptados a cada tramo de idade e nivel educativo http://www.sogama.gal/gl/info/xogos-escolares
Se prefires os videocontos, pincha en www.cadernoverde.com.

7. BÓTALLE IMAXINACIÓN
Ti pos o sétimo propósito. Seguro que se che ocorren magníficas ideas. Compárteas en https://www.facebook.com/educacionambientalsogama/.

Galería