


Unha gran festa de fin de curso que tivo lugar no auditorio de Cerceda (A Coruña) puxo o broche final ao programa radiofónico Ecovoz 2012, un espazo orientado cara a educación ambiental da poboación galega que, tras máis de 13 anos en antena, continúa a súa actividade reforzado pola cada vez maior implicación dos centros escolares nese gran obxectivo que é o desenvolvemento sostible da nosa terra.
Na celebración déronse cita profesores e alumnos dos 16 colexios participantes, ademais do presidente de Sogama e o Conselleiro de Medio Ambiente, representando ás entidades patrocinadoras, así como portavoces da Corporación Voz de Galicia.O evento foi aproveitado para entregar os premios aos centros gañadores nas distintas categorías. Así, o colexio Fogar de Carballo, ademais de resultar campión do concurso O Ecopreguntoiro, fíxose coa segunda clasificación no apartado de curtametraxes, recaendo a primeira no Ceip de Sarreaus (Ourense), onde un alumno logrou tamén o premio á mellor fotografía ambiental.