


Sogama é un instrumento de xestión pensado por e para Galicia. Grazas ao seu labor, a maior parte dos residuos urbanos producidos nesta comunidade son xestionados de forma correcta, seguindo a xerarquía establecida pola normativa vixente na materia, isto é:
- Prevención, a través de medidas tendentes a evitar a xeración de residuos baixo a máxima de que “o mellor residuo é o que non se produce”.
- Redución, aplicando criterios vinculados ao consumo racional.
- Preparación para a reutilización, alongando a vida útil dos produtos antes de ser convertidos en refugallos.
- Reciclaxe, separando os residuos por tipoloxías e depositándoos nos contedores axeitados.
- Valorización material e/ou enerxética, recuperando os materiais reciclables contidos no lixo e transformando en enerxía a parte non reciclable.
- Vertido, última opción dado o seu negativo impacto para o medio ambiente e a saúde pública.
Dúas son as fraccións de residuos sobre as que Sogama centra a súa actividade: bolsa amarela e bolsa negra.
A bolsa amarela acolle os materiais recollidos selectivamente a través dos contedores amarelos (latas, briks e envases de plástico), que a empresa selecciona por tipoloxías nas súas instalacións, remitíndoos aos centros recicladores.
A bolsa negra representa a fracción resto introducida nos contedores verdes convencionais, que Sogama recupera materialmente, separando os elementos reciclables contidos na mesma (aceiro, aluminio e vidro), e enerxeticamente, transformando en electricidade a parte non reciclable.
Esta entidade pública non ten competencias sobre os residuos introducidos en orixe no contedor azul (papel e cartón), iglú verde (envases de vidro), recipiente de pilas e puntos limpos (residuos de carácter especial tales como voluminosos, aparellos eléctricos e electrónicos –RAEE-, aceites, fluorescentes, etc), sendo asumidos por xestores autorizados para cada tipoloxía.