Imagen_Sogama_Home
Vimeo
Linkedin

Idiomas

Reduce, reutiliza e separa para reciclar

Print this pagePrint this page

As 3r comezan en ti: reduce, reutiliza e separa para reciclar

Cada galego produce aproximadamente 1,2 quilos de desperdicios ao día, unha cifra que, como resultado das actuais pautas de consumo, segue a medrar de forma considerable, poñendo en perigo a axeitada xestión dos residuos urbanos, reto ao que debemos facer fronte se queremos minimizar o impacto negativo destes sobre o medio ambiente e a nosa calidade de vida.

O consumo responsable e as boas prácticas ambientais constitúen o soporte de todo sistema de xestión de RU, que debe ser complementado cun tratamento racional e eficiente do lixo que non pode ser reciclado, sendo capaz de extraer e rendibilizar todo o valor contido no mesmo.

E este é precisamente o cometido de Sogama. Facilitar a reciclaxe de todo o susceptible de ser reciclado e transformar en enerxía eléctrica a fracción resto, pero non de calquera xeito, senón utilizando as tecnoloxías industriais máis innovadoras e respectuosas co contorno natural e a saúde pública.

A aplicación do Principio das Tres Erres, a túa obriga

Partindo da premisa de que o mellor residuo é o que non se produce, Reducir significa xerar a menor cantidade de lixo posible. Por exemplo:

  • Optando por materiais reutilizables e con recambio, e abandonando o hábito tan nocivo de “usar e tirar”.
  • Adquirindo produtos que estean minimamente envoltos, e dando preferencia a aqueles envasados en recipientes que poidan volverse utilizar. Neste sentido, debemos ter en conta que o envoltorio non forma parte do produto, transformándose deseguido nun desperdicio do que pronto imos desprendernos.
  • Rexeitando os consumibles (froitas, carnes, verduras) que veñan en bandexas de plástico e acostumándonos a mercar artigos por xunto ou sen empaquetar.
  • Comprar os produtos perecedeiros tendo en conta a data de caducidade.
  • Dar preferencia aos produtos locais. Con isto contribuiremos ao desenvolvemento da economía do noso contorno máis inmediato e evitaremos o exceso de embalaxe que supón o transporte a grandes distancias, diminuindo asemade as emisións de CO2.

Reutilizar non é máis que utilizar un produto tantas veces como sexa posible antes de convertelo nun residuo. Por exemplo,

  • Usando trapos de cociña en lugar de rolos de papel, e panos de algodón en vez de panos de papel.
  • Levando da casa a bolsa ou carriño para ir a mercar, evitando utilizar unha nova bolsa de plástico cada vez.
  • Non desaproveitando o papel, usando sempre as dúas caras das follas e reutilizando as impresas por un lado para borradores, comunicación informal, etc.
  • Optando por vasos, pratos e tazas de louzaou cristal, evitando o uso de desbotables.

Separando para reciclar, isto é, segregando os residuos en orixe por tipoloxías e depositándoos nos colectores específicos para facilitar a súa posterior reciclaxe, que non é máis que a transformación destes en novos produtos, dándolles unha segunda oportunidade coa que se pode aforrar enerxía e materias primas, obtendo ao mesmo tempo un importante beneficio económico.

Residuos que se deben depositar en cada un dos colectores de recollida selectiva:

Colector amarelo: envases de plástico, latas e bricks. Por exemplo:

  • Botellas de plástico que contuveran líquidos: aceites vexetais, refrescos, augas minerais, leite
  • Botes de plástico groso que contuveran produtos de aseo ou limpeza: xel de baño, champú, lavavaixelas, suavizante, etc
  • Latas de bebidas e de conservas
  • Papel de aluminio
  • Bricks de la leite, viño e zumes de froitas
  • Bandexas de porexpán ou cortiza branca
  • Redeciñas de envoltorios de froitas ou verduras
  • Plásticos film: bolsas finas, plástico para envolver
  • Envases mixtos distintos aos briks: bolsas de aperitivos, envases de bolos industriais, …

Non debemos depositar: residuos de plástico que non sexan envases (xoguetes, cepillos de dentes, rotuladores, películas de vídeo, carretes de fotos, cables eléctricos, enchufes, etc).

Colector azul: papel e cartón. Por exemplo:

  • Prensa e revistas
  • Libretas (sen anelas, grampas, etc)
  • Papel de envolver, de embalar
  • Caixas de cartón
  • Cartóns de ovos
  • Acolchado de embalaxes (cando sexa de papel ou cartón)
  • Libros

No debemos depositar:

  • Papeis de calco
  • Cartóns de leite, zume, viño (bricks)
  • Papel ou cartón suxos de grasa

Iglú verde: botellas, frascos e tarros de vidro 

No debemos depositar:

  • Tapas dos botes de cristal
  • Tapóns e cortizas
  • Todos os vidros especiais tales como parabrisas, pantallas de televisión e ordenador, lámpadas, espellos, etc.

Colector xenérico: orgánicos (restos de alimentos) e materiais non reciclables (cueiros, compresas, servilletas de papel,…). Non debemos depositar os materiais que teñan cabida no resto dos colectores de recollida selectiva.

Aquí cabe precisar que, en determinados ámbitos rurais, resultan factibles as coñecidas prácticas de compostaxe caseira; un proceso que permite reciclar a materia orgánica nas propias vivendas, obtendo un abono natural con excelentes propiedades para o solo e co que substituír os fertilizantes artificiais empregados no xardín, na horta e terras de cultivo.

Minicolector de pilas, que podemos atopar nos concellos, centros escolares, e establecementos comerciais.

Puntos limpos, aos que debemos trasladar:

  • Residuos perigosos xerados no fogar (fluorescentes, bernices, envases de insecticidas e fitosanitarios, aceites vexetais usados e aceites de locomoción).
  • Voluminosos (mobles, colchóns, ....).
  • Residuos de liña branca (lavadoras, frigoríficos, ....).
  • Residuos de liña marrón (televisores, equipos de música, ordenadores).
  • Residuos de pequenas obras en domicilios.

A túa colaboración é esencial para producir menos lixo e propiciar a súa reciclaxe. Tan só tes que modificar e/ou instaurar pequenos hábitos, actuando con racionalidade e responsabilidade. Porque está en xogo o teu benestar, pero tamén o das futuras xeracións. Non o dubides. A xenerosidade e solidariedade co medio ambiente ten premio: unha vida mellor.

AnexoTamaño
PDF icon Folleto 3R [pdf]1.78 MB