Imagen_Sogama_Home
Vimeo
Linkedin

Idiomas

“A educación na reutilización resulta esencial para alcanzar a sostibilidade"

Print this pagePrint this page
  • Así o manifestou en Radio Voz Galicia o concelleiro de Obras e Servizos do municipio coruñés de Carballo, Lois Lamas.
  • O programa integral de compostaxe posto en marcha polo ente local, e que combina a doméstica, a urbana e a vermicompostaxe, coa vista posta na utilización dos servizos da planta de compostaxe industrial de Sogama, ocupa un lugar prioritario na política ambiental local.
  • Non en van, Lamas foi invitado en diversas ocasións a contar a súa experiencia en varios foros e eventos con cobertura nacional nos que se deron a coñecer as mellores experiencias en economía circular.
  • Unha das súas preocupacións, tal e como manifestou, é contribuír á educación das futuras xeracións e posibilitar a formación necesaria para “facer persoas”.

Cerceda, a 12 de abril de 2018.-  A protección do medio ambiente e a educación das novas xeracións no respecto da contorna e o coidado da saúde constitúen algunhas das prioridades que encabezan a folla de ruta da concellería de Obras e Servizos no concello coruñés de Carballo, pilotada por Lois Lamas.

Ante os micrófonos de Radio Voz Galicia, e no marco do programa educativo Ecovoz, o responsable municipal falou da importancia que a correcta xestión dos residuos ten para gozar dun maior benestar e calidade de vida, sen esquecer outras accións tales como a reforestación e o coidado dos escasos e limitados recursos naturais cos que conta o planeta.

O programa integral de compostaxe, que xa se converteu nun dos acenos de identidade da capital da comarca de Bergantiños, centrou boa parte da entrevista, podendo tomar os oíntes boa nota das distintas actividades locais desenvolvidas neste ámbito e que se aglutinan nunha campaña de maior alcance bautizada no seu momento co lema “Carballo Limpo”.

COMPOSTAXE POR TRIPLA PARTIDA

Foi no ano 2014 cando o concello decidiu poñer en marcha un programa de compostaxe doméstica que, inicialmente, circunscribiuse ao ámbito rural, acollendo unha pequena poboación que permitira levar a cabo un rigoroso control do proceso. “A nosa intención era coidar á xente que, con carácter voluntario, tiña decidido participar nesta iniciativa para que aprendesen a traballar cos composteiros e que logo se encargasen de transmitir a operativa aos seus achegados”. Comezaron con 25 recipientes e hoxe xa repartiron máis de 270. “O interesante é divulgar esta forma de xestionar os residuos orgánicos desde unha dimensión ambiental, xa que non se trata só dunha cuestión económica”. Lamas considera que debe educarse á cidadanía na reutilización, toda vez que resulta clave para garantir o máximo aproveitamento dos produtos e a redución de residuos, é dicir, a sostibilidade.

Tralo éxito inicial desta primeira etapa, o concello adentrouse nun programa de compostaxe urbana “Ti tes a chave” e que contemplou a instalación dun contedor marrón no barrio da Milagrosa para o depósito de materia orgánica aportada polos usuarios, aos que se dou unha chave. A experiencia saldouse cun balance moi positivo, xa que a calidade do material introducido neste recipiente chegou ata o 98%. Non obstante, e ante o anuncio de Sogama de poñer en marcha unha planta de compostaxe industrial, o ente local considerou que o máis apropiado sería adscribirse á mesma, para o que están a levar a cabo distintos trámites.

Máis recentemente, e co apoio de Sogama, o concello adentrouse, con carácter piloto, nun proxecto de vermicompostaxe no que participan máis de 25 familias, e que tamén se fixo estensivo a todos os centros educativos de Carballo, incluíndo as escolas unitarias. Neste caso, a descomposición dos restos orgánicos corre a cargo de lombrigas de terra, que os inxeren e os excretan en forma de humus, un fertilizante natural de excelentes propiedades para o solo. A diferenza da compostaxe doméstica, onde se precisa que os usuarios dispoñan de terreo para aplicar o abono resultante, o proceso de vermicompostaxe pode levarse a cabo na terraza dun piso, pois non se xeran lixiviados. A formación neste ámbito foi impartida, a través de cursos presenciaqis, pola empresa Ecocelta, con sede en Ponteareas (Pontevedra) e especializada na fabricación de abonos ecolóxicos.

Todas estas experiencias teñen posibilitado que a política ambiental de Carballo traspase as fronteiras galegas e que o concelleiro de Obras e Servizos sexa invitado a numerosos eventos para dar conta das súas accións medioambientais. O máis recente, un que tivo lugar en Valladolid, organizado pola propia Xunta de Castilla e León,e no que se puxeron en común accións de éxito no ámbito da economía circular.

O FUTURO PASA POLA FORMACIÓN

Lamas móstrase optimista respecto ao futuro e deposita a súa confianza nos nenos. “O futuro está nas escolas, xa que os cambios nos hábitos necesitan de información e formación”, ao que engadiu que “as mellores cintas de grabación son os escolares”.

Neste sentido, cabería facer referencia á horta municipal ecolóxica que o concello ten en marcha desde fai tempo con ese loable obxectivo, tal e como explicaba Lamas, de contribuír á formación necesaria para “facer persoas”.

Saúdos, Departamento de Comunicación

 

12 Abr 2018

Galería