Imagen_Sogama_Home
Vimeo

Idiomas

“As latas son os envases ideais nunha contorna de economía circular"

Print this pagePrint this pagePrint this page
  • Así o manifestou Miguel Abale Caride nunha entrevista publicada no último número da Newsletter de Sogama.
  • No transcurso da mesma fala das bondades das latas de bebidas, tanto desde a dimensión ambiental como loxística, sendo, a día de hoxe, o envase máis reciclado en España e o mundo, alcanzando no noso país unha taxa do 85%.
  • Pero, non conformes, a Asociación de Latas de Bebidas pretende seguir incrementando estes índice de recuperación, de aí que leven a cabo interesantes campañas como a bautizada co lema “Cada Lata Conta”, dirixida no noso país por Pablo García Serrano.
  • Cunha proxección europea, esta iniciativa está presente en 12 países, tendo chegado a España fai dous anos coa pretensión de sensibilizar aos cidadáns sobre a importancia de depositar as latas de bebidas no contedor amarelo cando se atopen fóra do fogar.

Cerceda, a 16 de abril de 2017.-  Nunha entrevista recollida na Newsletter corporativa de Sogama correspondente ao pasado mes de marzo, o Director da Asociación de Latas de Bebidas, Miguel Aballe Caride, destacou que a lata de bebida é o envase máis reciclado en España e no mundo, alcanzando no noso país o 85%, unha taxa que se sitúa entre as máis elevadas de Europa.

Neste sentido, sinalou tamén que unha das principais vantaxes do metal, tanto o aceiro como o aluminio, é o seu carácter 100% reciclable, circunstancia que permite definilo como “Material permanente”, unha cualidade que ata foi recoñecida polos propios lexisladores. É dicir, dunha lata de aceiro ou aluminio pódese obter outra con idénticas características e sen perder propiedades, coa particularidade de que o propio proceso de reciclado contribúe a un notable aforro de enerxía (de ata o 95%), amén doutros aforros asociados a materias primas, auga e emisións á atmosfera.

Ante un planeta en estado crítico ao que se está despoxando dos seus xa escasos recursos naturais, o concepto de reciclado cobra todo o seu sentido, constituíndo a lata de bebida uno dos paradigmas máis evidentes da economía circular.

TODO VANTAXES

Se ben forma parte das nosas vidas, o certo é que se trata dun artiluxio relativamente recente que acabou revolucionando a forma de consumir determinados produtos. A lata de conserva facía acto de presenza a finais do século XVIII, pero houbo que esperar ata 1935 para que a primeira lata de cervexa comercial vise a luz. Sucedeu en Newark, Estados Unidos. A partir deste momento, iniciouse unha carreira de desenvolvemento tecnolóxico que non parou de crecer. Nun primeiro momento, prestando maior atención aos propios materiais e ao proceso de fabricación e, xa nos últimos anos, priorizando as técnicas de impresión e a redución do peso, conforme ás directrices propias do ecodeseño.

Tal e como sinala Miguel Aballe, ás vantaxes ambientais das latas cabería engadir as propiamente loxísticas, toda vez que representan o procedemento máis eficaz de distribución en canto a relación bebida/peso do envase, protexen o produto da luz, garanten a máxima estanqueidade, conservando o gas e as características da bebida durante máis tempo, arrefríanse máis rápidamente e son moi axeitadas para as novas canles de venda, como é a en liña, ademais de que son  irrompibles e non contaminan. En definitiva, “os envases ideais nunha contorna de economía circular”.

Alcanzar a máxima recuperación deste envase constitúe un dos principais obxectivos da Asociación de Latas de Bebidas, de aí que leven a cabo interesantes campañas como a bautizada co lema “Cada Lata Conta”. Cunha proxección europea, está presente en 12 países, tendo chegado a España fai dous anos. Con esta iniciativa preténdese sensibilizar aos cidadáns sobre a importancia e a necesidade de depositar as latas de bebidas no contedor amarelo cando se atopen fóra do fogar. No noso país, este proxecto está dirixido por Pablo García Serrano, quen promoveu a realización de numerosas actividades con distintas organizacións, chegando ata aos máis importantes festivais de música, ademais de distintos eventos lúdicos e de lecer.

SOBRE A ASOCIACIÓN DE LATAS DE BEBIDAS

Constituída en 1995, é unha organización sen ánimo de lucro integrada polos fabricantes de latas de bebidas presentes en España e Portugal, así como polos subministradores de materias primas (aceiro e aluminio) e industrias relacionadas. O seu principal obxectivo é precisamente promover e divulgar as vantaxes das latas de bebidas, así como representar ao sector ante os distintos axentes sociais. O núcleo da asociación confórmanno as tres grandes compañías fabricantes de latas de bebidas establecidas en España (Ardagh Group, Ball e Crown), con catro plantas en funcionamento e dúas en construción.

Saúdos, Departamento de Comunicación

16 Abr 2018

Galería