Imagen_Sogama_Home
Vimeo
Linkedin

Idiomas

“A valorización material e enerxética deben ser complementarias”

Print this pagePrint this page
  • Así o asegurou Isidro García Téllez, Director Xeral de Sogama, en Onda Cero, onde recordou a traxectoria e evolución da entidade dese a súa constitución, no ano 1992, permitindo a clausura e selado dos vertedoiros municipais a través dun tratamento moderno e eficaz dos residuos urbanos.
  • No marco das novas directrices de recuperación e reciclado definidas pola Unión Europea, esta Sociedade pública abordou un proceso de mellora industrial que contempla unha planta de compostaxe, xa construída, e a ampliación do complexo medioambiental de Cerceda.
  • No primeiro caso, coa pretensión de transformar en compost a materia orgánica procedente da recollida selectiva municipal e, no segundo, co obxectivo de incrementar a capacidade do complexo ata un millón de toneladas, propiciando un maior reciclado e un menor vertido.
  • Desta forma, o próximo ano a infraestrutura de Sogama converterase nunha das máis grandes e eficientes de Europa e do mundo, constituíndo todo un referente para moitos países que xa mostraron interese en coñecer a súa operativa e xestión.

Cerceda, a 13 de abril de 2018.-  O Director Xeral de Sogama, Isidro García Téllez, avoga por tratamentos complementarios para os residuos urbanos que contemplen a valorización material, mediante a compostaxe da materia orgánica e a reciclaxe das fraccións susceptibles de ser transformadas en novos produtos, e a valorización enerxética da fracción non reciclable.

Desde 1992, ano no que, co aval da Comisión Europea, creouse a entidade, esta experimentou   unha evolución moi positiva, permitindo pechar e clausurar os vertedoiros municipais e dar un tratamento axeitado aos residuos domésticos. Non obstante, e no marco desta mellora continua, García Téllez aposta por abrirse a novos sistemas que, lonxe de ser excluíntes, constitúan un complemento dos existentes de cara a dar a mellor xestión posible ao lixo que producen cada día os 294 concellos que se atopan adscritos ao modelo Sogama.

“O noso traballo pasa por contribuír a alcanzar os obxectivos definidos pola Unión Europea para os próximos anos, que son moi ambiciosos e esixentes”, subliñou. Neste sentido, expuxo que a maior reciclaxe e o menor vertido constitúen dúas pezas claves da economía circular e augura que España debe facer un gran esforzo para dar debido cumprimento ás directrices comunitarias. “O noso país conta cun 57% de vertido, unha porcentaxe insostible, e a pretensión, a nivel comunitario, é chegar ao 10%. No ámbito da reciclaxe, e cun exiguo 30%, debemos alcanzar o 65% en 2035. Isto implica modificar moitas cousas”, aseverou.

A COMPOSTAXE NA SÚA MÁXIMA EXPRESIÓN

E precisamente neste marco, e con esta visión de futuro, a empresa pública acaba de construír unha planta de compostaxe industrial que dará servizo aos municipios limítrofes a fin de transformar a materia orgánica recollida selectivamente nun abono de alta calidade para ser aplicado con garantías na agricultura e a xardinería.

De forma paralela, vén traballando nun programa de compostaxe doméstica, con implantación no medio rural, a través do cal repartiu preto de 8.000 composteiros entre máis de 230 entidades (concellos, centros educativos e colectivos sociais), así como nunha proba piloto de vermicompostaxe que xa están ensaiando tres concellos e dous centros escolares co obxectivo de avaliar o traballo e rendemento das lombrigas de terra na transformación da materia orgánica nun humus de alta calidade.

De forma paralela, e tamén co ánimo de profundar no estudo da compostaxe, embarcouse nun proxecto INTERREG V-A España Portugal (POCTEP) 2014-2020, a través do cal se pretende lograr unha maior valorización dos residuos orgánicos e reducir a cantidade de lixo depositado en vertedoiro.

Dotado cun orzamento superior aos 2 millóns de euros, o proxecto, identificado co nome RE2VALHUM, está liderado pola Universidade do Minho, contando como socios, por parte de Portugal, o CVR (Centro de Valorización de Residuos), LIPOR (Servizo Intermunicipalizado de Xestión de Residuos de Grande Porto) e BRAVAL (Valorización e Tratamento de Residuos Sólidos, S.A), participando, por parte galega, a USC (Universidade de Santiago de Compostela), CVAN (Centro de Valorización Ambiental do Norte, S.L) e SOGAMA.

MAIOR EFICIENCIA

Nunha segunda liña de acción, enmarcada igualmente no paquete europeo de economía circular, Sogama abordou a ampliación do seu complexo medioambiental de Cerceda para dispensar un tratamento óptimo a todos os residuos recepcionados no mesmo, incrementando os seus niveis de reciclaxe e reducindo igualmente os de vertido.

Tal e como explicou o Director Xeral, o plan de traballo articúlase en dúas fases. A primeira, que culminará a finais deste ano, inclúe a construción dunha nova planta de clasificación para propiciar a recuperación dos elementos reciclables contidos na bolsa negra (vidro, aceiro, plástico, papel/cartón, etc); a segunda, que culminará a finais de 2019, contempla a remodelación da actual planta de reciclaxe, tratamento e elaboración de combustible. “Con isto poderemos tratar 1 millón de toneladas anuais, é dicir, todos os residuos urbanos producidos en Galicia, e farémolo dunha forma modélica”.

Así as cousas, o complexo de Sogama converterase o próximo ano nun dos máis grandes e eficientes de Europa e do mundo, constituíndo todo un referente para moitos países que xa mostraron interese en coñecer a súa operativa e xestión.

Saúdos, Departamento de Comunicación

13 Abr 2018

Galería