Imagen_Sogama_Home
Vimeo
Linkedin

Idiomas

“Co aceite industrial rexenerado en Galicia poderíase encher o cárter do 29% do parque móbil"

Print this pagePrint this page
  • Así o manifestou Fermín Martínez de Hurtado, Director de Comunicación e Relacións Institucionais de SIGAUS, quen valorou como importante a contribución de Galicia á sostibilidade.
  • Explicou que o aceite industrial usado é un residuo perigoso e contaminante que se está recollendo e aproveitando na súa totalidade, conforme á normativa vixente.
  • Se ben a rexeneración do mesmo é o tratamento habitual, obtendo un aceite base co que se poden fabricar novos lubricantes, no caso de aceites que, dadas as súas características, non son aptos para este tipo de  tratamento, pódense utilizar para obter un combustible tipo fuel óleo de uso industrial.

Cerceda, a 7 de decembro de 2018.- Un total de 5.562 establecementos galegos posibilitaron o pasado ano a recuperación de 8.830 toneladas de aceites industriais usados. Un dato que o Director de Comunicación e Relacións Institucionais de SIGAUS (Sistema Integrado de Xestión de Aceites Industriais Usados en España), Fermín Martínez de Hurtado, valora como importante pola súa indiscutible contribución á sostibilidade. Así o manifestou nunha entrevista concedida a Onda Cero Galicia.

Neste sentido, indicou que, a través de SIGAUS, e en virtude do rigoroso cumprimento da normativa vixente, estase recollendo e aproveitando o 100% do aceite industrial usado xerado a nivel nacional, manifestando ao respecto que “estamos ante un residuo cualificado como perigoso e altamente contaminante se non recibe o tratamento axeitado, polo seu impacto no medio acuático, no solo ou na atmosfera en caso do seu vertido ou combustión incontrolados”.

Non obstante, e malia o seu carácter perigoso, Martínez de Hurtado, subliñou que “falamos dun hidrocarburo que contén sustancias útiles ás que se lle pode sacar un alto rendemento cun tratamento físico-químico axeitado, sendo a rexeneración o máis habitual”. Así, e a través dun  proceso de destilación en mini-refinerías, límpase de contaminantes e obtense a partir do mesmo un aceite base similar ao procedente do petróleo, podendo fabricar novos lubricantes.

Os aceites que, dadas as súas características, non son aptos para este tratamento, poden procesarse para obter un combustible tipo fuel óleo de uso industrial en cementeiras e ladrilleras, por exemplo.

Co aceite industrial usado rexenerado o pasado ano na comunidade galega, devolvéronse ao mercado 1.763 toneladas de lubricantes, cantidade coa que se podería encher o cárter do 29% do parque móbil de turismos da nosa comunidade. E co destinado a aproveitamento enerxético, obtívose unha enerxía equivalente á consumida por todos os trens do metro de Madrid durante 67 días.

SOBRE SIGAUS

O Sistema Integrado de Xestión de Aceites Industriais Usados garante a recollida deste residuo en toda España e, en nome das compañías fabricantes de lubricantes asociadas, que representan o 86% do mercado nacional, dálle un correcto tratamento conforme á lexislación vixente.

A orixe deste SIX responde á iniciativa dos fabricantes de lubricantes que, a través da súa participación neste Sistema, cumpren coas obrigas establecidas na normativa sobre aceites usados (Real Decreto 679/2006, de 2 de xuño, polo que se regula a xestión dos aceites industriais  usados).

Así, desde 2007 os fabricantes de lubricantes e outros axentes responsables de comercializar o aceite industrial ou equipos que o conteñan, son responsables de garantir e financiar a correcta xestión dos aceites usados que se xeran tralo consumo dos aceites industriais que poñen no mercado español.

Máis información en www.sigaus.es

Saúdos, Departamento de Comunicación

7 Dec 2018

Galería