SOGAMA en Facebook
SOGAMA en Instagram
SOGAMA en Twitter
SOGAMA en Vimeo
SOGAMA en Linkedin
SOGAMA

Idiomas

“Desde que Sogama impartiu formación no noso centro, a xestión sostible dos residuos é prioritaria”

Print this pagePrint this pagePrint this page
  • Así se pronunciou en esRadio Ruth Gómez, presidenta da Asociación “Anxiños”, que acolle a nenos e adolescentes con problemas psiquiátricos.
  • Educadores de Sogama, xunto co presidente desta compañía e a xefa territorial de Medio Ambiente na Coruña, desprazáronse a este centro, sito na Baña (A Coruña), para trasladar aos usuarios as boas prácticas vinculadas aos tres erres.
  • Igualmente, a empresa pública dotou a “Anxiños” con contedores de recollida selectiva e un compostador no que elaboran abono a partir dos residuos orgánicos producidos e reutilízano na súa horta e xardín.

Cerceda, a 21 de setembro de 2021.- Ante os micrófonos de esRadio, a presidenta da Asociación “Anxiños”, Ruth Gómez, quixo enxalzar a importancia que para o centro ten a protección do medio ambiente no seu conxunto e, máis concretamente, a xestión sostible dos residuos urbanos.

O pasado mes de xullo, educadores de Sogama, xunto co seu presidente, Javier Domínguez, e a xefa territorial de Medio Ambiente na Coruña, Cristina Carrión, desprazáronse á sede desta asociación, que acolle a nenos e adolescentes con problemas psiquiátricos, para impartir unha sesión formativa na que explicaron a actividade desta empresa pública e as boas prácticas ligadas ao principio europeo das tres erres: redución, reutilización e reciclaxe.

Coa pretensión de afianzar coñecementos, os monitores recorreron ao xogo como vía para canalizar os conceptos básicos na xestión e tratamento do lixo, propiciando que a sesión tivese un marcado carácter lúdico, sendo moi ben acollida polo público obxectivo.

A presidenta de “Anxiños” valorou de forma moi positiva esta experiencia, xa que, tal e como manifestou, “a asociación pretende preparar a estes nenos e adolescentes para que, no futuro, se poidan valer por si mesmos”, e, ao seu xuízo, o mellor antídoto é “o amor, o agarimo e a educación”, ao que engadiu que “son nenos cunha intelixencia ás veces superior ao normal, pero que se senten diferentes”.

A asociación botou a andar hai 6 anos e, nestes momentos, teñen unha alta demanda de usuarios, polo que o seu obxectivo é habilitar outra casa para a convivencia. Gómez define o centro como unha familia, un fogar, no que hai profesores, psicólogos, pedagogos, psiquiatras, monitores e, por suposto, nenos e mozos.

Aproveitou a ocasión brindada por  esRadio para agradecer ao Arcebispado de Santiago que lle cedese a Casa Reitoral da Baña, en  Sanmamede dos Montes (A Coruña), para levar a cabo o seu traballo, e que os pequenos  teñan a oportunidade de gozar dunha contorna acolledora e vivir en contacto coa natureza e cos animais.

Pola súa banda, Mª Sol Gil, a monitora da área de xardinería, tamén participou neste espazo radiofónico para explicar o seu labor e agradecer a Sogama a dotación de contedores de recollida selectiva (amarelo, azul e verde), e un composteiro no que cada día depositan os residuos orgánicos para a súa transformación en compost, que logo utilizan como abono natural no seu xardín e horta.

“O noso obxectivo é inculcar aos nenos o valor que ten reducir a xeración dos refugallos, alongar a vida útil dos produtos e separar os residuos por tipoloxías para garantir a súa reciclaxe e posterior reincorporación ao circuíto comercial”, aseverou.

Saúdos, Departamento de Comunicación

21 Set 2021

Galería