SOGAMA en Facebook
SOGAMA en Instagram
SOGAMA en Twitter
SOGAMA en Vimeo
SOGAMA en Linkedin
SOGAMA

Idiomas

“Non podemos permitir que os residuos derivados do COVID-19 se convertan nun problema ambiental”

Print this pagePrint this pagePrint this page
  • Así o manifestou o presidente de Sogama, Javier Domínguez, nunha entrevista concedida á Radio Galega, onde falou sobre o impacto que ocasionan as máscaras desbotables cando son abandonadas na contorna natural.
  • Recordou que unha máscara pode tardar entre 300 e 400 anos en degradarse, de aí a necesidade de que reciban un tratamento axeitado.
  • No caso dos 295 concellos adheridos a Sogama, precisou que o destino destes residuos debe ser o contedor verde convencional, xunto coa fracción resto, a fin de que sexan valorizados enerxeticamente a máis de 850ºC, temperatura coa que se garante a destrución de patóxenos e axentes nocivos.

Cerceda, a 19 de novembro de 2020.- Nunha entrevista concedida á Radio Galega, o presidente de Sogama, Javier Domínguez Lino, abundou na xeración de novos residuos derivados do COVID-19, como é o caso de buzos, luvas e máscaras desbotables, subliñando que deben ser sometidos a un coidadoso tratamento, conforme á lexislación vixente, para evitar que se convertan nun problema ambiental engadido.

Apuntou que unha máscara desbotable, cando é abandonada na natureza, pode tardar entre 300 e 400 anos en degradarse e que, lamentablemente, arróxanse con frecuencia nas rúas, así como nas contornas terrestres e mariñas.

Dada a confusión existente en torno ao contedor de destino deste tipo de refugallos, Domínguez clarificou que deben depositarse, no caso dos 295 concellos adheridos ao modelo Sogama, no contedor verde convencional, xunto coa fracción resto, para propiciar o seu correcto tratamento no Complexo Medioambiental de Sogama en Cerceda, seguindo as directrices do Ministerio de Sanidade e Ministerio para a Transición Ecolóxica. Alí son valorizados enerxeticamente a máis de 850ºC, temperatura coa que se garante a destrución de patóxenos e outros axentes nocivos.

APOIO NA XESTIÓN DE RESIDUOS SANITARIOS DE BAIXO RISCO

Recordou igualmente que Sogama, en calidade de servizo público dependente da Xunta de Galicia, levou a cabo, durante a primeira onda da pandemia, un labor de apoio na xestión dos residuos sanitarios de baixo risco debido á sobresaturación que sufrían as plantas especializadas no tratamento dos mesmos.

Explicou que o SERGAS, a través da Consellería de Medio Ambiente, recorreu a esta empresa, que habilitou unha infraestrutura específica para que os refugallos sanitarios de baixo risco recibisen un pretratamento que contemplaba a súa trituración e acondicionamento para alimentar as caldeiras da planta termoeléctrica.

Así mesmo, contratáronse traballadores externos que non interactuaron en ningún momento cos propios do Complexo, dispoñendo de vestiarios diferenciados, áreas de recreo independentes e distintos horarios laborais. O obxectivo deste protocolo non era outro que preservar a saúde de todos eles e reducir ao máximo posibles contaxios que, afortunadamente, non tiveron lugar.

LABOR DE CONCIENCIACIÓN

O máximo responsable de Sogama apelou á concienciación da poboación e, co fin de levar a cabo unha tarefa educativa e pedagóxica, a empresas sacou  á luz unha campaña, que,  baixo o título “Non enmascares a túa responsabilidade; as máscaras, ao contedor da fracción resto”, atópase a disposición dos interesados na súa páxina web, trasladando aos cidadáns unha serie de recomendacións e boas prácticas neste ámbito, reforzadas cun vídeo didáctico.

Saúdos, Departamento de Comunicación

19 Nov 2020

Galería