Imagen_Sogama_Home
Vimeo

Idiomas

“O meu obxectivo é formar a futuros adultos responsables e comprometidos coa contorna"

Print this pagePrint this pagePrint this page
  • Así o manifestou en Radio Voz Gonzalo Sánchez Busóns, docente no colexio Divina Pastora de Ourense, onde dou a coñecer as múltiples iniciativas medioambientais que leva a cabo co seu grupo de Ecovixiantes.
  • Batidas de limpeza de contornas naturais, recollida de cabichas, elaboración de compost, selección de residuos, así como o coidado de árbores e plantas son, entre outras, algunhas das actividades que cada día desenvolve este admirable grupo de alumnos coa vista posta nun mundo mellor.
  • A súa axenda está repleta ata finais de curso: un proxecto de apadriñamento de árbores e a súa participación na campaña nacional “1m2 polos embalses”, entre as próximas citas.

Cerceda, a 14 de marzo de 2018.- Lalo Sánchez Busóns, docente no colexio Divina Pastora de Ourense, é unha desas persoas cuxo traballo deixa unha profunda impronta en todas as accións nas que se implica, que non son poucas. O súa querencia polo medio ambiente e a súa plena confianza na condición humana, levoulle no seu momento a liderar un proxecto que, logo de vinte anos, non só segue en vigor, senón que adquiriu aínda máis forza e proxección. As distintas xeracións de Ecovixiantes ás que formou  e ás que dedicou unha boa parte da súa vida profesional e persoal, aprenderon todo o imaxinable sobre ecoloxía, pero sobre todo interiorizaron valores tan prezados como a bondade, a xenerosidade, a empatía e a solidariedade.

TEORÍA E PRÁCTICA EN PERFECTA HARMONÍA

Ante os micrófonos de Radio Voz, Sánchez Busóns daba conta, co ímpeto propio da paixón polo traballo ben feito, de todas as actividades que, cos seus alumnos, levou a cabo no colexio durante este curso académico e todas as que están por vir. É un non parar. A súa disposición non ten límites e tira permanentemente dos seus incondicionais pupilos para involucralos en distintas iniciativas nas que sabe a ciencia certa que poden dar o mellor de si. “Tratamos de formar a cidadáns do futuro”, repite como un mantra, e lógranno con esa combinación tan acertada entre teoría e práctica. Porque a práctica está presente de forma permanente neste centro ourensán. Interminables batidas de limpeza en montes e contornas naturais para recoller o que outros ensucian e contribuír a loitar contra o denominado littering (abandono de lixo) son asiduas no seu plan de acción, do mesmo xeito que plantar árbores, coidar animais, seleccionar residuos, facer compost cos restos orgánicos xerados no comedor escolar ou recoller cabichas do chan. Neste último caso, lideraron unha campaña que percorreu as rúas da cidade das Burgas para reclamar máis respecto cara á contorna e os cidadáns, logrando implicar nesta batalla ao propio concello, así como a outros colexios e asociacións. Ata se desprazaron en varias ocasións ao campus universitario co seu particular “cabichómetro”, que encheron de centos de cabichas que xa formaban parte da paisaxe.

Tamén se referiu a un interesante traballo que os alumnos levaron a cabo co fin de analizar a xestión dos refugallos urbanos nas rúas da cidade, cuxas conclusións foron presentadas ao Alcalde.

Pero aínda hai máis. A axenda está repleta de iniciativas de aquí a finais de curso. De entre os distintos proxectos a levar a cabo, Busóns mencionou, entre outros, o de apadriñamento das árbores que se atopan ao redor do colexio, unha forma máis de poñer en valor a natureza e a súa riqueza, así como a participación na campaña nacional “1m2 polos embalses”, promovida polo proxecto Libera, que, á súa vez, se atopa liderado por Ecoembes  e a organización SEO/BirdLife.

A fórmula de Busóns é sinxela e complexa ao mesmo tempo: “ser coherente e predicar co exemplo”.

Saúdos, Departamento de Comunicación

14 Mar 2018

Galería