Imagen_Sogama_Home
Vimeo
Linkedin

Idiomas

“Zabalgarbi ten un cometido fundamental: contribuír á sostibilidade de Bizkaia”

Print this pagePrint this page
  • Así se pronunciou o Director Xeral de Zabalgarbi, Mikel Huizi Leiza, nunha entrevista concedida a Sogama  e publicada no primeiro número da súa Newsletter corporativa deste ano.
  • Huizi precisou que a planta que dirixe logra transformar cada ano 225.000 toneladas de residuos non reciclables en enerxía suficiente para abastecer ao 30% dos fogares vizcaínos, todo un exemplo de economía circular.
  • Tal e como explicou, a electricidade producida equivalería ao consumo do metro de Bilbao durante 7 anos.
  • Enorgullécese de que Zabalgarbi sexa a primeira planta de valorización enerxética de Europa que recibe a cualificación HPR (Highly Protected Risk), un recoñecemento co que se enxalza a mitigación e minimización dos riscos inherentes á industria.
  • Así mesmo, móstrase satisfeito de que a cidade de Bilbao sexa designada, a través de AEVERSU, sede do próximo congreso que CEWEP celebrará en España, e que terá lugar os días 20 e 21 de setembro, participando Zabalgarbi na organización do mesmo.

Cerceda, a 13 de febreiro de 2018.-  Nunha entrevista concedida a Sogama, e que se recolle na Newsletter do pasado mes, o Director Xeral de Zabalgarbi, Mikel Huizi Leiza, non dubida ao describir a principal función dunha instalación creada por e para Bizkaia. “O noso compromiso é ser parte activa dunha Bizkaia máis moderna, máis limpa, máis ecolóxica e máis sostible”.

A economía circular guía a política corporativa dunha entidade caracterizada por altos estándares de eficiencia e que logra impregnar de valor ao aparentemente inservible. Proba disto é que cada ano logra transformar 225.000 toneladas de residuos non reciclables en enerxía suficiente para abastecer ao 30% dos fogares vizcaínos, un proceso que leva a cabo coa máxima pulcritude medioambiental. Huizi Leiza exemplifícao de forma meridiana: “Producimos cada ano a electricidade equivalente ao consumo do metro de Bilbao durante 7 anos e facémolo utilizando refugallos non reciclables que, doutra forma, acabarían a súa vida útil en vertedoiro e que tiveran xerado un 175% máis de emisións de gases de efecto invernadoiro”.

Pero a súa estratexia empresarial vai máis aló da protección ambiental, toda vez que a súa preocupación tamén se centra en impulsar un modelo de desenvolvemento que aglutine, de forma equilibrada e harmónica, o coidado da contorna, o crecemento económico, a cohesión social e a promoción cultural

PRIMEIRA PLANTA EN CONSEGUIR A CERTIFICACIÓN HPR

Móstrase orgulloso de que Zabalgarbi teña sido a primeira planta de valorización enerxética de Europa que recibe a cualificación HPR (Highly Protected Risk), un recoñecemento realizado pola mutua norteamericana Factory Mutual Global, e vinculado ao ámbito asegurador, que enxalza a mitigación e minimización dos riscos inherentes á industria, poñendo en valor a xestión excelente que, neste ámbito, leva a cabo a planta vasca.

A aseguradora norteamericana, tal e como explicou o Director Xeral de Zabalgarbi, premiou, tras un exhaustivo análise e estudo que deu comezo no ano 2010, o bo facer da instalación desde a xestión ambiental, a prevención de riscos, así como o coidado óptimo e extraordinario estado de conservación das súas instalacións.

BILBAO, SEDE DO PRÓXIMO CONGRESO DE CEWEP

Neste contexto, non é de estrañar que Zabalgarbi, a través da Asociación de Empresas de Valorización Enerxética (AEVERSU), fose designada pola CEWEP (Confederación Europea de Plantas de Valorización Enerxética) para colaborar na organización do próximo congreso que esta organización celebrará no Estado español, e que terá lugar en Bilbao os días 20 e 21 do próximo mes de setembro.

Huizi é consciente da gran responsabilidade que isto supón, xa que nesta cita internacional participarán máis de 200 profesionais e expertos europeos na xestión sostible dos residuos, ademais de representantes da Comisión Europea. Non obstante, móstrase convencido de que será un gran éxito que quere compartir co resto das plantas que conforman a Asociación Española de Empresas de Valorización Enerxética, á que pertence Zabalgarbi e outras 10 instalacións máis.

Respecto do papel que desempeña a valorización enerxética no modelo de desenvolvemento definido pola economía circular, móstrase taxativo: “Trátase de respectar a normativa europea, que di que a función da valorización enerxética é precisamente converter en enerxía a fracción de residuos que non se pode reutilizar nin reciclar”. E aquí é onde entran en xogo as modernas plantas de valorización enerxética, que operan de forma segura, eficiente e innovadora, extremos estes que resultan, hoxe en día, indiscutibles.

É por isto que pide coherencia á futura Estratexia Española de Economía Circular porque cada ano entérranse en España 13 millóns de toneladas de residuos, circunstancia que, ademais dun negativo impacto ambiental, hipoteca o benestar e calidade de vida das futuras xeracións. Apela á prudencia e reflexión, xa que a formulación debe pasar por avaliar se resulta máis eficaz utilizar un recurso que contén enerxía ou enterrar a enerxía contida no mesmo.

Neste escenario, Mikel Huizi non ten dúbidas ao afirmar que a valorización enerxética dos residuos non reciclables “é a verdadeira enerxía da economía circular”.

Saúdos, Departamento de Comunicación

13 Feb 2018

Galería