SOGAMA en Facebook
SOGAMA en Instagram
SOGAMA en Twitter
SOGAMA en Vimeo
SOGAMA en Linkedin
SOGAMA

Idiomas

2021-2022, clave para a xestión circular da materia orgánica en Galicia

Print this pagePrint this pagePrint this page
  • Editorial do presidente executivo de Sogama, Javier Domínguez Lino, correspondente á Newsletter corporativa do presente mes de outubro.

Logo dun longo período marcado pola pandemia da COVID-19 e un verán de luces e sombras para diferentes sectores, en Sogama adentrámonos de cheo nun novo curso 2021-2022, que resultará clave para a xestión circular da materia orgánica producida polos máis de 2.240.000 cidadáns que habitan nos 295 concellos adscritos ao sistema impulsado pola Xunta de Galicia a través desta empresa pública.

No intervalo 2020-2021, puxemos os cimentos da futura rede de infraestruturas industriais, axudando así aos concellos, sobre os que recae a xestión sostible dos refugallos urbanos por ser unha competencia local, a que teñan acceso á valorización da materia orgánica e poidan materializala antes do 31 de decembro de 2023, prazo establecido pola normativa vixente.

Á planta de biorresiduos que opera en Cerceda (A Coruña), sumaranse tres máis (Cervo, na provincia de Lugo; Vilanova de Arousa, na de Pontevedra; e Verín, na provincia de Ourense). E estamos xa en proceso de adaptación de 13 plantas de transferencia ás que dotaremos dunha tolva específica para o transvase da materia orgánica recollida de forma separada a través do quinto contedor, de cor marrón, facilitando así o seu transporte á planta de compostaxe máis próxima.

Trátase dunha verdadeira revolución dos residuos, que, unida ao fomento da compostaxe doméstica, con máis de 17.000 composteiros repartidos gratuitamente por Sogama, fará posible que a reciclaxe da materia orgánica avance con paso firme na nosa comunidade e que os concellos cumpran coas súas obrigas legais.

O noso obxectivo é que a infraestrutura industrial dependente de Sogama para a valorización da materia orgánica sexa unha realidade no último trimestre de 2022.

En estreita coordinación coa Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, así como cos concellos, impulsaremos novas campañas informativas e formativas para que a segregación dos restos orgánicos en orixe sexa realmente boa, xa que, da colaboración das familias dependerá en boa medida a calidade do compost final obtido en planta, que en todo caso debe reunir os requisitos técnicos esixidos para ser aplicado na agricultura e a xardinería con absolutas garantías e sen restricións.

Con todo, e dada a cada vez maior concienciación ambiental da poboación galega, confiamos en que a achega á reciclaxe, en todas as súas vertentes, siga crecendo, tal e como o fixo nos dous últimos anos malia a crise sanitaria.

Presidente

Javier Domínguez Lino

18 Out 2021

Galería