SOGAMA en Facebook
SOGAMA en Instagram
SOGAMA en Twitter
SOGAMA en Vimeo
SOGAMA en Linkedin
SOGAMA

Idiomas

A acción climática nos sistemas alimentarios podería contribuír á redución do 20% de emisións

Print this pagePrint this pagePrint this page
  • Así se recolle nunha publicación lanzada recentemente por WWF, o PNUMA, EAT e Climate Focus.
  • O informe identifica 16 medidas que os responsables de formulación políticas poderían adoptar en toda a cadea de valor dos alimentos: desde as granxas ata a mesa dos consumidores.
  • Entre as mesmas figuran frear o cambio de uso da terra e a conversión de hábitats naturais, así como diminuír a perda e o desperdicio alimentario, sen esquecer a necesidade de mudar cara a dietas máis sostibles.

Cerceda, a 15 de setembro de 2020.- De acordo cunha publicación lanzada recentemente por WWF, o PNUMA (Programa das Nacións Unidas para o Medio Ambiente), EAT e Climate Focus, os países poden mellorar as posibilidades de alcanzar os obxectivos climáticos e limitar o quecemento a 1,5˚C a finais de século mediante a adopción de compromisos máis específicos para transformar os sistemas alimentarios nacionais.

O informe identifica 16 medidas que os responsables de formulación políticas poderían adoptar en toda a cadea de valor dos alimentos: desde as granxas ata a mesa dos consumidores. Entre as mesmas contémplase frear o cambio de uso da terra e a conversión de hábitats naturais, así como diminuír a perda e o desperdicio alimentario, sen esquecer a necesidade de mudar cara a dietas máis sostibles. Estas accións representarían a oportunidade de reducir as emisións ata en 12,5 Gt de CO2e, o que equivalería a retirar 2.700 millóns de automóbiles das estradas.

En virtude do Acordo de París de 2015, agárdase que os países revisen ou volvan a presentar as súas contribucións determinadas a nivel nacional (NDC, polas súas siglas en inglés) cada cinco anos. Polo tanto, neste 2020 teñen a opción de adoptar solucións para os sistemas alimentarios e establecer obxectivos máis ambiciosos co fin de reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro e, á súa vez, mellorar a seguridade alimentaria, a saúde pública e a protección da biodiversidade.

Os sistemas alimentarios -que reúnen todos os elementos e actividades relacionados coa produción, o procesamento, a distribución, a preparación e o consumo de alimentos- representan ata o 37% de todas as emisións de gases de efecto invernadoiro.

O informe conclúe que os países desenvolvidos teñen menos probabilidades que os países en desenvolvemento de prever, nos seus actuais plans climáticos, medidas de mitigación específicas para o sector agrícola, aínda que, en termos absolutos, o número de medidas específicas para diminuír as emisións no sistema alimentario dos países en desenvolvemento tamén é baixo.

Ata agosto de 2020, presentáronse 15 actualizacións e revisións de NDC e, se ben algunhas inclúen a agricultura, aínda faltan actuacións. Os primeiros indicios apuntan a que o consumo sostible de alimentos e a perda e o desperdicio seguirán sendo ignorados no proceso de revisión.

Ademais de aumentar a ambición nas súas NDC, os países teñen unha serie de encontros nos que chegar a acordos para preservar a natureza a través dos sistemas alimentarios. En 2021, no contexto da Conferencia das Partes no Convenio sobre a Diversidade Biolóxica das Nacións Unidas (COP 15), os líderes mundiais poden chegar a un novo pacto para deter e revertir a perda de biodiversidade. Ademais, o próximo ano celebrarase o primeiro Cume das Nacións Unidas sobre Sistemas Alimentarios, cuxa transformación, tal e como sinalou o Secretario Xeral das Nacións Unidas, António Guterres,  “é fundamental para alcanzar todos os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible".

Fonte e imaxe: ONU Medio Ambiente

15 Set 2020

Galería