Imagen_Sogama_Home
Vimeo

Idiomas

Aeversu participará no I Foro sobre Aproveitamento da Enerxía dos Residuos

Print this pagePrint this pagePrint this page
  • Celebrarase en Madrid o próximo 21 de novembro, e no mesmo daranse cita un nutrido elenco de expertos de alto nivel na materia.
  • O principal obxectivo deste evento é realizar unha profunda análise sobre o papel que desempeña e debe desempeñar a valorización enerxética en España, desgranando as súas barreiras, as súas potencialidades e, sobre todo, a súa capacidade para contribuír á sostibilidade nun marco de economía circular.
  • A intervención de Rafael Guinea terá lugar nunha mesa redonda na que se abordarán os retos aos que debe enfrontarse o aproveitamento da enerxía contida nos residuos como asignatura pendente no noso país.

Aeversu, a 14 de novembro de 2017.-  O presidente de AEVERSU, Rafael Guinea, participará o próximo 21 de novembro no I Foro sobre Aproveitamento da Enerxía dos Residuos, unha cita que terá lugar en Madrid, concretamente na sede da Escola Técnica Superior de Enxeñeiros Industriais, e que congregará a un nutrido elenco de expertos de alto nivel na materia.

O principal obxectivo deste evento non é outro que realizar unha profunda análise sobre a xestión dos residuos en España e o aproveitamento enerxético da fracción non reciclable, e todo isto nun marco de economía circular, poñendo  sobre a mesa o potencial que este tipo de enerxía representa para a descarbonización da economía e o cumprimento dos compromisos de redución de emisións. Desgranarase así o papel que xoga a valorización enerxética na Estratexia Española de Economía Circular, na Estratexia Española de Enerxías Renovables e na Lei de Transición Enerxética e Cambio Climático.

Así mesmo, exporanse as barreiras e fortalezas das plantas de valorización enerxética, tendo en conta que constitúen a única alternativa viable ao uso do vertedoiro. Neste sentido, poranse de relevo as razóns polas que se debe promover o aproveitamento enerxético da fracción non reciclable dos refugallos, aludindo, por unha banda, ao cumprimento á normativa vixente, e que evitará penalizacións, e, por outro, á rendibilidade que supón un recurso enerxético autóctono nun territorio cunha alta dependencia externa.

Xa que logo, neste foro debaterase a necesidade de dispoñer dun marco legal  que teña en conta este tipo de enerxía e o seu potencial para o crecemento económico, a creación de emprego, a protección ambiental e a sostibilidade no seu conxunto, e que a normativa aplicable teña en conta as particularidades do servizo público que prestan as plantas destas características.

ASIGNATURA PENDENTE

A intervención de Guinea enmárcase na mesa redonda “O aproveitamento da enerxía de residuos, unha asignatura pendente en España. Retos e barreiras sociais”, que moderará José Antonio González Martínez, Subdirector Xeral de Promoción Industrial e Enerxética da Comunidade de Madrid, e na que tamén realizarán as súas achegas Miguel Ángel Baquedano Maestre, Director Xeral do Parque Tecnolóxico de Valdemingómez, en Madrid; Ignacio Marco Arboli, Director Xeral de PlasticEurope Ibérica; e Ricardo Luis Izquierdo Escribano, Director Técnico de Servizos de Medio Ambiente do Concello de Fuenlabrada.

O foro, que inaugurará Francisco Javier Cachón de Mesa, Director Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental e Medio Natural do MAPAMA, que estará acompañado polo deputado José Ignacio Llorens Torres, á súa vez Presidente da Comisión de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente do Congreso dos Deputados, e Engracia Hidalgo Tena, Conselleira de Economía, Emprego e Facenda da Comunidade de Madrid, nutrirase cunha conferencia de apertura a cargo de Rafael Sánchez Aparicio, Presidente do Foro  dos Xeradores de Enerxía de Residuos, quen reflexionará sobre o papel da valorización enerxética dentro da cadea de valor da xestión dos residuos.

Seguiranlle tres relatorios marco nos que se exporán distintas visións sobre a enerxía dos residuos (Europa, municipios e xestores, e consumidores), así como dúas mesas redondas sobre as limitacións e necesidades na política e normativa sobre a enerxía dos residuos, e  retos empresariais aos que se enfronta a mesma.

Será Francisco Javier Abajo Dávila, Director Xeral de Industria, Enerxía e Minas da Comunidade de Madrid, quen clausure o evento.

Máis información en Fundación da Enerxía da Comunidade de Madrid www.fenercom.com.

Saúdos, Departamento de Comunicación

14 Nov 2017

Galería