Imagen_Sogama_Home
Vimeo
Linkedin

Idiomas

Alta valoración do programa de visitas de Sogama por parte dos usuarios

Print this pagePrint this page
  • Nun intervalo de 0 a 5, os responsables dos distintos colectivos conceden á Sociedade unha puntuación  media de 4,7.
  • Un dous aspectos que lles merece un maior recoñecemento é o labor dos educadores pola súa capacidade para explicar o cometido da Sociedade e a súa empatía cos visitantes.
  • Tralas sesións teóricas, as visitas compleméntanse cun percorrido guiado adaptado a cada franxa de idade para que os integrantes dos distintos grupos poidan ver e comprobar in situ a actividade desenvolvida en cada instalación.
  • Antes de finalizar, invítaselles a cubrir enquisas de satisfacción online, voluntarias e anónimas, nas que deixan constancia dos seus coñecementos e opinións sobre distintas variables vinculadas ao programa de visitas.

Cerceda, a 3 de agosto de 2018.- A valoración positiva do programa de visitas a Sogama por parte dos usuarios continúa en liña ascendente. Nun intervalo de 0 a 5, os responsables dos distintos colectivos conceden á Sociedade unha media dun 4,7, sendo o grao de dinamización, así como o de implicación e atencións dispensadas polos educadores, os ítems mellor valorados.

Neste marco, volve a destacarse o labor dos educadores, poñendo de relevo a súa capacidade para explicar a actividade da empresa pública, encargada de xestionar os residuos urbanos producidos polo 94% dos concellos galegos. Por unha banda, a bolsa amarela, é dicir, os envases de plástico, as latas e os briks depositados nos contedores amarelos de recollida selectiva e que son separados na súa planta de clasificación para ser remitidos posteriormente aos centros recicladores, e, por outro, a bolsa negra, isto é, o lixo convencional depositado nos contedores verdes, do que se logran extraer materiais tales como aceiro, aluminio e vidro para ser recuperados. O resto convértese nun combustible CDR que logo é valorizado enerxeticamente na súa planta termoeléctrica para producir o equivalente ao 12% da electricidade consumida polos fogares galegos.

COMBINANDO TEORÍA E PRÁCTICA

Utilizando recursos de apoio tales como presentacións, plataformas web, vídeos e infografías, os monitores conseguen amenizar as xornadas para que pequenos e maiores logren interiorizar os conceptos básicos da xestión sostible dos residuos nun marco de economía circular, poñendo de relevo o consumo responsable, a prevención, a redución, a reutilización e a reciclaxe.

Tralas sesións teóricas, as visitas compleméntanse cun percorrido guiado adaptado a cada franxa de idade para que os integrantes dos distintos grupos poidan ver e comprobar in situ a actividade desenvolvida en cada instalación, concibindo os distintos itinerarios como a mellor clase práctica recibida neste ámbito pola carga didáctica que esta reporta e a súa capacidade no ámbito da concienciación. Deste xeito, os cidadáns teñen a oportunidade de comprobar por si mesmos a inxente cantidade de lixo que cada día xeran nas súas casas e o custo económico, medioambiental e humano que ten a correcta xestión do mesmo.

Culminada a visita guiada, ábrense espazos de coloquio para que os participantes poidan expoñer as súas dúbidas e intercambiar coñecementos e experiencias de cara a mellorar a súa participación no sistema mediante a práctica diaria dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe).

Antes de finalizar, invítaselles a cumprimentar enquisas de satisfacción online, voluntarias e anónimas, nas que deixan constancia das súas opinións sobre distintas variables vinculadas ao programa de visitas.

Saúdos, Departamento de Comunicación

3 Ago 2018

Galería