Imagen_Sogama_Home
Vimeo
Linkedin

Idiomas

Aprender a valorar a comida, un comportamento esencial para diminuír o desperdicio alimentario

Print this pagePrint this page
  • Malia que a comida resulta esencial para vivir e de que, en torno á mesma, cérnese toda unha cadea cultural, económica e social, o certo é que, cada ano, un terzo dos alimentos que se producen a nivel mundial para o consumo humano acaban desperdiciados.
  • É por isto que a FAO proporciona aos cidadáns seis medidas, básicas e sinxelas, para aprender a amar a nosa comida, así como todo o que hai detrás da mesma (recursos naturais e moito traballo dos agricultores).

Cerceda, a 13 de novembro de 2018.- Malia que a comida é absolutamente imprescindible para vivir, que a gastronomía constitúe un dos elementos culturais por excelencia, que moitos programas mediáticos de gran audiencia teñen como epicentro as receitas de cociña e que estas eríxense en punto de encontro a nivel social, o certo é que cada ano desperdíciase no mundo un terzo de todos os alimentos que se producen para o consumo humano.

SEIS BOAS RAZÓNS PARA APRECIAR A COMIDA

A pregunta que se fai a FAO (Organización das Nacións Unidas para a Alimentación) é que, se a comida constitúe un elemento básico nas distintas dimensións da vida, por que non a respectamos. É por iso que presenta seis formas básicas, asequibles e sinxelas, de amar a nosa comida e valorar en maior medida todo o que hai detrás da mesma.

1.- Consumir de forma responsable e reducir o desperdicio alimentario. Conséguese adquirindo unicamente os alimentos que se necesitan, facendo un oco na nosa cesta da compra para os alimentos feos, coas mesmas cualidades nutritivas que os guapos, axustando as racións ás necesidades de inxesta, diferenciando claramente entre data de caducidade e data de consumo preferente, almacenando os alimentos de forma intelixente, revisando a despensa e a neveira, doando os excedentes e convertendo en menús as sobras.

Cando se desperdicia comida, advirte a FAO, desperdícianse os recursos utilizados para cultivar, procesar, transportar e comercializar os alimentos.

2.- Apoiar aos agricultores. Os chefs son recoñecidos con premios e estrelas, pero sen os agricultores non teriamos os alimentos frescos que se necesitan cada día para preparar eses suculentos menús cos que tanto disfrutamos. É por isto que se recomenda comprar en mercados locais e dar aos agricultores as oportunidades de negocio, e, xa que logo, o recoñecemento e o respecto  que se merecen.

3.- Visualizar a comida coma se fose unha obra de arte. Porque cultivar alimentos require esforzo, fan falta sementes, auga, traballo, protección e grandes doses de paciencia. Para producir unha laranxa necesítanse 50 litros de auga. Cando a comemos estamos consumindo recursos naturais e o arduo traballo dos campesiños.

4.- Apostar por unha dieta máis saudable e sostible. Os alimentos tradúcense en enerxía e deben ser consumidos de forma equilibrada. Inxerir demasiada comida en xeral ou demasiada comida dun só tipo pode conducir á obesidade, a carencias nutricionais ou a enfermidades relacionadas coa dieta.

5.- Aprender e coñecer un pouco máis os alimentos. Se sabemos de onde proceden, cales son os propios de cada tempada e que se necesita para producilos, aumentamos o noso respecto polos mesmos.

6.- Dialogar. O respecto transmítese, de aí a necesidade de falar coas persoas que nos rodean e coas novas xeracións sobre como elixir de forma informada alimentos saudables e sostibles, e que aportan desde todas as dimensións.

Para moitas persoas a comida non representa un problema. Téñenna garantida cada día, xa que contan con medios para adquirila, non constituíndo en ningún caso unha preocupación. Pero para 821 millóns de persoas que padecen fame no mundo, si supón un gran problema, toda vez que a súa supervivencia está en risco. Alimentarse cada día supón un verdadeiro reto e desafío.

A comida é un prezado tesouro que non está ao alcance de todos. Non o esquezamos.

Fonte: FAO

Saúdos, Departamento de Comunicación

13 Nov 2018

Galería