Imagen_Sogama_Home
Vimeo
Linkedin

Idiomas

Arranca a sétima edición de "Recíclate con Sogama" coa participación de 25 colexios

Print this pagePrint this page
  • O obxectivo desta iniciativa, enmarcada no Plan Proxecta da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, é instaurar a recollida selectiva de residuos nas escolas e formar á comunidade educativa na xestión sostible dos mesmos.
  • Os colexios participantes pertencen ás catro provincias galegas: 8 por Pontevedra, 10 pola Coruña, 3 por Ourense e 4 por Lugo.
  • Sogama xa deseñou un plan de acción estruturado por fases a través do cal porá a disposición dos centros distintos medios materiais (illas de reciclaxe e composteiros) e didácticos (folletos, presentacións, vídeos, xogos, guías didácticas, etc) para que poidan desenvolver os seus proxectos nas mellores condicións.
  • De forma adicional, os colexios terán a oportunidade de visitar o complexo medioambiental de Sogama en Cerceda para coñecer de primeira man a súa actividade.
  • Educadores especializados visitarán periodicamente todas as escolas para impartir formación, facer un seguimento do traballo e solventar dúbidas.

Cerceda, a 4 de decembro de 2018.- Arranca a sétima edición do programa educativo “Recíclate con Sogama” 2018-2019 cun total de 25 colexios de primaria adscritos ao mesmo e que foron seleccionados entre o elevado número de centros candidatos que presentaron a súa solicitude para participar nesta iniciativa, superando con creces as previsións desta empresa pública.

O principal obxectivo de “Recíclate con Sogama”, enmarcado á súa vez no Plan Proxecta da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, é implantar e desenvolver a recollida selectiva de residuos nos propios colexios e facer partícipe da mesma ao conxunto da comunidade educativa a fin de que as boas prácticas ambientais na materia se instauren e afiancen nos propios recintos escolares e que se posibilite a súa extrapolación ao ámbito familiar dos pequenos e contorna social máis inmediata. Cada colexio desenvolverá o seu propio proxecto, que será supervisado polos educadores da compañía pública.

RELACIÓN DE CENTROS SELECCIONADOS

O proceso de selección dos centros rexeuse polos tres criterios básicos recollidos na propia convocatoria da iniciativa: pertencer a concellos adscritos ao modelo Sogama, ter participado no programa de visitas promovido pola entidade e ter formado parte dalgún proxecto educativo impulsado pola mesma.

Así, pola provincia de Pontevedra, resultaron seleccionados oito colexios:

-       CEIP de Conmeniño, en O Grove.

-       CEIP Plurilingüe Infante Felipe de Borbón, de Salvaterra do Miño.

-       CEIP Xulio Camba, de Vilanova de Arousa.

-       CEIP Plurilingüe Possumus, de Vigo.

-       CEIP Marquesa do Pazo da Mercé, de As Neves.

-       CEIP de Rubiáns, de Vilagarcía de Arousa.

-       CEIP Plurilingüe Nº2, de Tui

-       CEIP Plurilingüe Froebel, de Pontevedra.

 

Pola provincia de A Coruña, dez colexios:

-       CEIP Plurilingüe Virxe do Mar, de Narón.

-       CEIP Plurilingüe de Outes, de Serra de Outes.

-       CEIP Lamas de Abade, de Santiago de Compostela

-       CEIP Plurilingüe San Xoán de Filgueira, de Ferrol.

-       CEIP Labarta Pose, de Zas.

-       CEIP Martagona, de Melide.

-       CEIP Plurilingüe de Artes, de Ribeira.

-       CEIP Barrié de la Maza, de Santa Comba.

-       CEIP Plurilingüe La Salle, de Santiago de Compostela.

-       CEIP de Caión, de Laracha.

Pola provincia de Ourense, tres colexios:

-       CPR Plurilingüe Divina Pastora, de Ourense

-       CPR Plurilingüe Divina Pastora, de O Barco de Valdeorras

-       CEIP Plurilingüe Condesa de Fenosa, de O Barco de Valdeorras

Pola provincia de Lugo, catro colexios

-       CEIP Illa Verde, de Lugo

-       CEIP Albeiros, de Lugo

-       CPI San Tomé de Carballo, de Taboada

-       CEIP de San Cosme, de Barreiros

PLAN DE ACCIÓN

Sogama definiu un plan de acción que xa deu comezo coa primeira visita aos centros escolares participantes a fin de recabar os datos iniciais e proceder á dotación dos medios materiais e didácticos.

Entre os primeiros, cabería destacar a instalación das denominadas illas de reciclaxe, conformadas por tres contedores de 120 litros de capacidade (amarelo, azul e verde) nos que docentes e alumnos depositarán os residuos previamente clasificados para proceder ao seu reciclado.

Ademais, as escolas que dispoñen de servizo de comedor, recibirán igualmente un composteiro de 350 litros para que teñan a oportunidade de elaborar o seu propio compost a partir da materia orgánica e convertela en abono natural que utilizarán nas hortas e xardíns dos recintos escolares.

De forma paralela, Sogama entregará en cada centro diverso material divulgativo, que estará conformado por carteis, dípticos para todos os alumnos, presentacións, vídeos, xogos online e guías didácticas orientadas ao profesorado.

No primeiro trimestre do próximo ano, educadores especializados impartirán charlas informativas e formativas nos distintos colexios para reforzar coñecementos e solventar dúbidas. E, xa no ecuador do curso, haberá unha nova visita de seguimento para realizar caracterizacións dos recipientes que conforman as illas de reciclaxe a fin comprobar a calidade do material depositado nos mesmos e porcentaxe de impropios. Unha inspección que se completará con outra final que terá lugar no mes de maio.

De forma adicional, ao longo dos próximos meses varias réplicas do xogo xigante “Un partido polo planeta” circularán por todos os centros co obxectivo de afianzar a aprendizaxe dos conceptos básicos vinculados á reciclaxe. O colofón poñeranno as visitas que os colexios realizarán ao complexo medioambiental de Sogama en Cerceda, onde terán a oportunidade de comprobar a actividade da empresa.

A avaliación dos proxectos executados polos centros realizarase a través dunha memoria final que os centros deberán presentar a través da aplicación informática do Plan Proxecta.

Saúdos, Departamento de Comunicación

4 Dec 2018

Galería