SOGAMA en Facebook
SOGAMA en Instagram
SOGAMA en Twitter
SOGAMA en Vimeo
SOGAMA en Linkedin
SOGAMA

Idiomas

Arteixo acolle o punto informativo habilitado por Sogama na Semana Europea da Prevención de Residuos

Print this pagePrint this pagePrint this page
  • Forma parte da campaña que, baixo o lema “REORGAnicémonos” promove Sogama, a través da Consellería de Medio Ambiente, e na que participa este Concello coruñés co obxectivo de impulsar a redución de residuos en orixe.
  •  Atendido por educadores ambientais, o punto informativo atópase activo hoxe en Meicende e mañá, día 27, trasladarase á Praza do Balneario, de 11:00 a 18:00 h.
  • Prestarase especial atención á recollida selectiva da materia orgánica mediante o contedor de tapa marrón, especificando os materiais que deben e non deben ser depositados no mesmo.

Cerceda, a 26 de novembro de 2020.- Arteixo acolle, na xornada de hoxe, un punto informativo habilitado por Sogama con motivo da Semana Europea da Prevención de Residuos.

Ubicado a pé de rúa, atópase activo en Meicende, e mañá, día 27, trasladarase á Praza do Balneario, de 11:00 a 18:00 h.

REORGANICÉMONOS

Co lema “REORGAnicémonos”, educadores medioambientais especializados informarán e asesorarán aos transeúntes nas boas prácticas vinculadas á redución de residuos, facendo fincapé no consumo responsable, no máximo aprovechamento dos produtos e na correcta separación dos refugallos en orixe e posterior depósito dos mesmos nos contedores correspondentes para propiciar o seu reciclado.

Nesta ocasión, incidirase especialmente na recollida selectiva da materia orgánica a través do contedor de tapa marrón, especificando os materiais que deben e non deben ser depositados no mesmo a fin de obter na planta de compostaxe un abono de alta calidade para ser aplicado na agricultura e xardinería.

De acordo cos obxectivos da Unión Europea e a normativa vixente, trátase de promover a valorización dos residuos orgánicos a través do bo uso do denominado quinto contedor e, no seu caso, do composteiro que poidan ter vivendas unifamiliares que dispoñen de terreo no que aplicar o compost resultante.

Os veciños que se acheguen á carpa tamén recibirán material didáctico e divulgativo, así como merchadising.

O presidente de Sogama, Javier Domínguez, manifestou que a pretensión desta actividade é “seguir promovendo a prevención e a redución de residuos como o primeiro elo na escala xerárquica que debe rexer a súa correcta xestión”.

Insistiu en que “o mellor residuo é o que non se produce” e alentou aos cidadáns a realizar compras responsables, adquirindo unicamente o necesario, fixándose na data de caducidade e data de consumo preferente, levando a propia bolsa de casa e prescindindo dos produtos sobreenvasados e sobreempaquetados.

Tamén os animou a priorizar os artigos a granel, a adquirir froitas, verduras e hortalizas “feas”, toda vez que teñen as mesmas propiedades que as “guapas”, e a evitar o desperdicio alimentario, unha mala práctica que trae consigo negativas consecuencias ambientais, económicas e sociais.

SOBRE A SEMANA EUROPEA DA PREVENCIÓN

A Semana Europea da Prevención de Residuos (EWWR), que este ano alcanza a edición número 12, e na que Sogama, co apoio da Consellería de Medio Ambiente, veu participando durante os últimos anos, dou comezo o pasado 21 de novembro e estará en vigor ata o vindeiro domingo 29. Constitúe a maior campaña para concienciar sobre a prevención de lixo en Europa, aglutinando a todo tipo de colectivos (cidadáns, escolas, empresas, ONG, asociacións), que se encargan de organizar actividades a nivel local, autonómico e nacional.

O Comité Directivo da EWWR 2020 está conformado por distintas entidades, entre as que figuran ACR+ (Asociación de Cidades e Rexións para a xestión sostible dos recursos), a Comisión Europea e o Comité Europeo das Rexións.

Saúdos, Departamento de Comunicación

26 Nov 2020

Galería