Imagen_Sogama_Home
Vimeo
Linkedin

Idiomas

A atleta Paula Radcliffe, designada embaixadora do Aire Limpo de ONU Medio Ambiente

Print this pagePrint this page
  • Desde este cargo pretende liderar e apoiar con firmeza as accións promovidas por Nacións Unidas para facer fronte á contaminación do aire, unha seria ameaza ambiental para a saúde dos cidadáns.
  • Récord do mundo en maratón feminino e Embaixadora, xunto con Haile Gebrselassie, da Asociación Internacional de Federacións de Atletismo (IAAF), manifestou, que, na súa condición de atletas, toman dez veces máis aire cando corren, polo que a contaminación do mesmo constitúe un serio problema para a súa saúde.
  • Conforme aos datos da OMS, nove de cada dez persoas en todo o mundo respiran aire inseguro. En torno ao 93% dos nenos menores de 15 anos respiran aire contaminado e 7 millóns de persoas morren cada ano no mundo por esta causa.
  • A campaña “Respira a Vida”, liderada por ONU Medio Ambiente, a OMS e a Coalición Clima e Aire Limpo ten por obxecto sensibilizar á poboación sobre o impacto da contaminación do aire na nosa saúde e no planeta, así como crear unha rede de cidadáns, dirixentes urbanos e nacionais e profesionais da saúde para impulsar o cambio nas nosas comunidades.

Cerceda, a 14 de novembro de 2018.- A atleta Paula Radcliffe, récord do mundo en maratón feminino e Embaixadora, xunto con Haile Gebrselassie, da Asociación Internacional de Federacións de Atletismo (IAAF), foi designada Embaixadora do Aire Limpo de ONU Medio Ambiente, un cargo desde o cal pretende liderar e apoiar as accións promovidas por Nacións Unidas para facer fronte á contaminación do aire, unha seria ameaza ambiental para a saúde dos cidadáns.

O pasado mes de maio IAAF comprometeuse a apoiar a campaña que, baixo o lema “Respira a Vida”, lidera ONU Medio Ambiente, a OMS (Organización Mundial da Saúde) e a Coalición Clima e Aire Limpo, e faino a través da activa participación da súa comunidade de atletas profesionais, federacións nacionais de atletismo, líderes comunitarios e un importante número de persoas, cada máis, que se apuntaron ao running como a súa forma habitual de practicar exercicio.

Neste sentido, Radcliffe manifestou, que, na súa calidade de atletas que dedican boa parte da súa vida a adestramentos e competicións, toman dez veces máis aire cando corren, polo que a contaminación do mesmo constitúe un serio problema para o seu saúde. É por iso que se propuxo mellorar as condicións nas que levan a cabo a súa actividade os corredores de todo o mundo.

OS DATOS

Conforme aos datos da OMS, 9 de cada 10 persoas en todo o mundo respiran aire inseguro. No caso dos nenos, en torno ao 93% dos menores de 15 anos (1.800 millóns) respiran aire contaminado, poñendo en risco o seu desenvolvemento e saúde, ao que habería que engadir a morte anual de 7 millóns de persoas por exposición ao aire contaminado.

Erik Solheim, Director Executivo de ONU Medio Ambiente, considera que a  mensaxe a transmitir é que a polución atmosférica debe visualizarse como unha perigosa crise de saúde pública.

LOGROS DE PAULA RADCLIFFE

Fíxose co seu primeiro récord mundial ao gañar o Maratón de Chicago en 2002, ano no que tamén se fixo igualmente co primeiro posto no Maratón de Londres, do mesmo xeito que no 2003 e 2005, converténdose, tamén en 2005, en Campiona Mundial da Asociación Internacional de Federacións de Atletismo (IAAF) na distancia de maratón, en Helsinki, Finlandia. Tamén gañou o Maratón da Cidade de Nova York en tres ocasións (2004, 2007 e 2008).

Foi recoñecida como Membro da Orde do Imperio Británico en 2002 e elixida como a Personalidade Deportiva do Ano pola BBC e atleta feminina do ano da IAAF. Na actualidade, é membro da Comisión de Atletas da IAAF.

Fonte e imaxe: ONU Medio Ambiente

CAMPAÑA “RESPIRA A VIDA”

Esta campaña mundial ten por obxecto sensibilizar á poboación sobre o impacto da contaminación do aire na nosa saúde e no planeta, e crear unha rede de cidadáns, dirixentes urbanos e nacionais e profesionais da saúde para impulsar o cambio nas nosas comunidades.

A través da mesma póñense de relevo as medidas prácticas que poden aplicar as cidades (melloras da vivenda, o transporte, os residuos e os sistemas de enerxía) ou as que poden adoptar as persoas a título comunitario ou individual para mellorar a calidade do aire.

Saúdos, Departamento de Comunicación

15 Nov 2018

Galería