Imagen_Sogama_Home
Vimeo
Linkedin

Idiomas

Aumentan no mundo as áreas protexidas terrestres e mariñas para preservar a biodiversidade

Print this pagePrint this page
  • Así se recolle no último informe “Planeta Protexido”, presentado por UNEP-WCMC, a Unión Internacional para a Conservación da Natureza (UICN) e a National Geographic Society.
  • As metas de conservación establecidas para 2020 están nun 17% para as áreas terrestres e nun 10% para as costeiras e mariñas. A día de hoxe, ao redor do 15% da superficie terrestre está mellor protexida, así como máis do 7% dos océanos.
  • A Área Mariña Protexida da Rexión do Mar de Ross é a área protexida máis grande do mundo, con máis de 2 millóns de quilómetros cadrados. A pesca está prohibida en 432.000 millas cadradas desta reserva antártica, nun intento por preservar máis de 16.000 especies.

Cerceda, a 4 de decembro de 2018.- Segundo o último informe “Planeta Protexido”, presentado por UNEP-WCMC, a Unión Internacional para a Conservación da Natureza (UICN) e a National Geographic Society, o mundo está en vías de dar cumprimento a importantes metas de conservación, establecidas, para o ano 2020, nun 17% para as áreas terrestres e nun 10% para as áreas costeiras e mariñas. A día de hoxe, ao redor do 15% da superficie terrestre está mellor protexida, así como máis do 7% dos océanos, un dato crucial para o futuro da biodiversidade.

O pasado mes de xullo, máis de 20 millóns de quilómetros cadrados de superficie terrestre e case 27 millóns de quilómetros cadrados de áreas mariñas tiñan sido designadas como “Áreas Protexidas”, é dicir, lugares cruciais para lograr a conservación da natureza a longo prazo, o que vén a representar un aumento de 0,2% das áreas terrestres e de 3,2% das áreas mariñas a fin de cumprir os obxectivos establecidos para dentro de dous anos.

Nestes momentos, a Área Mariña Protexida da Rexión do Mar de Ross, agregada á Base de Datos Mundial sobre Áreas Protexidas en 2017, é a área protexida máis grande do mundo, con máis de 2 millóns de quilómetros cadrados. A pesca está prohibida en 432.000 millas cadradas desta reserva antártica, nun intento por preservar máis de 16.000 especies, entre as que se atopa o pingüín Adelie e a balea Minke. O sitio de conservación é administrado polos gobernos de Nova Zelanda e Estados Unidos.

O Director do Centro de Monitoreo da Conservación Mundial de ONU Medio Ambiente (UNEP-WCMC), Neville Ash, manifestou que o crecemento continuo nas áreas protexidas en todo o mundo resulta esencial para o futuro da biodiversidade, considerando que o gran aumento nas áreas mariñas protexidas nos últimos dous anos desempeñará un papel clave na restauración da saúde do océano, sendo posible grazas a unha estreita colaboración entre os países, as organizacións non gobernamentais e as organizacións internacionais.

Fonte e imaxe: ONU Medio Ambiente

Saúdos, Departamento de Comunicación

4 Dec 2018

Galería