SOGAMA
SOGAMA
SOGAMA
SOGAMA
SOGAMA
SOGAMA
SOGAMA en Facebook
SOGAMA en Twitter
SOGAMA en Vimeo
SOGAMA en Linkedin
SOGAMA

Idiomas

A autocompostaxe consolídase en Ourense tralos exitosos resultados obtidos en colectivos veciñais

Print this pagePrint this page
  • Promovido polo Concello, contou coa colaboración de Sogama, tendo participado recentemente no mesmo veciños pertencentes ás Asociacións de Cudeiro, Palmés, Castro de Beiro, As Termas, As Laxas e Miño.
  • O plan de acción levado a cabo incluíu a formación dos usuarios, a dotación de composteiros e tres visitas de seguimento “porta a porta”.
  • Máis de 130 familias pertencentes ás asociacións referenciadas sumáronse a esta iniciativa, estimando ao redor de 87 toneladas de materia orgánica compostada por ano e a obtención de 26 toneladas de compost.
  • Beneficios ambientais, económicos e sociais avalan esta iniciativa, coa que o concello contribúe ao cumprimento dos esixentes obxectivos europeos en materia de reciclaxe e valorización.

Cerceda, a 20 de maio de 2019.- A compostaxe  doméstica consolídase en Ourense como tratamento para a materia orgánica producida en vivendas  unifamiliares que dispoñen de terreo no que aplicar o compost  resultante. Así o acreditan os últimos resultados do programa promovido polo propio Concello e no que colaborou Sogama, téndose desenvolvido, desde xaneiro de 2018,  por parte de seis asociacións veciñais (Cudeiro, Palmés, Castro de Beiro, As Termas, As Laxas e Miño).

A iniciativa levouse a cabo no marco dun estudado plan de acción que deu comezo coa formación dos participantes a través de cursos presenciais impartidos por técnicos de Sogama onde se lles explicaba con detalle a técnica e liquidábanse as súas dúbidas. Acto seguido, persoal ao servizo do ente local realizou tres visitas de seguimento a cada un dos fogares participantes a fin de revisar o procedemento  seguido, solventar posibles erros e reorientar a técnica no caso de que esta non se levase a cabo de forma axeitada.

A terceira visita centrouse na calidade do compost resultante, controlando parámetros de gran interese tales como a humidade, a textura, o cheiro e a apariencia, explicando aos veciños a diferenza entre un compost fresco e un compost maduro, así como os tempos de descomposición e o uso e aplicacións que se debe dar a cada tipo de compost.

Tomando en consideración o correcto funcionamento da compostaxe en máis de 130 familias integradas nas asociacións referenciadas, estariamos a falar dunhas 87 toneladas de materia orgánica compostada por ano  a partir das  cales se obtivo 26 toneladas de compost.

EN CLAVE CIRCULAR

A iniciativa, altamente valorada polos usuarios, trae consigo unha serie de beneficios directos tales como a diminución dos desprazamentos aos contedores verdes xenéricos, xa que a materia orgánica contida nos residuos supón un 42% da composición media dunha bolsa de lixo tipo. Se se recicla directamente no fogar, evítase o seu depósito no contedor convencional, coa particularidade de que o resto de fraccións tales como envases lixeiros, vidro e papel/cartón, poden almacenarse varios días nas casas sen risco de cheiros.

Outra das vantaxes é que os veciños producen o seu propio compost, un abono natural de alta calidade con extraordinarias propiedades fertilizantes para o solo, resultando ideal para combater pragas e enfermidades.

Ademais de todo isto, recupérase unha práctica tradicional no rural galego, como é a segregación dos residuos orgánicos para alimento do gando e/ou elaboración de abono, á vez que se crea conciencia sobre a protección medioambiental, o coidado do solo e da saúde.

Todo beneficios para un intenso programa que o Concello de Ourense liderou co fin de contribuír ao cumprimento dos esixentes obxectivos da Unión Europea en materia de reciclaxe e valorización de refugallos nun marco de economía circular no que os esforzos deben ir dirixidos ao máximo aproveitamento dos produtos e á transformación dos residuos en recursos.

Saúdos, Departamento de Comunicación

20 Mai 2019

Galería