SOGAMA en Facebook
SOGAMA en Instagram
SOGAMA en Twitter
SOGAMA en Vimeo
SOGAMA en Linkedin
SOGAMA

Idiomas

A autocompostaxe esténdese en Porriño a medio cento de vivendas unifamiliares

Print this pagePrint this pagePrint this page
  • Sogama entregou ao Concello outros tantos composteiros, con capacidade para 400 litros e fabricados con materiais reciclados e reciclables, así como manuais didácticos orientados aos veciños participantes.
  • A día de hoxe, son 110 as familias porriñenses que están adscritas ao programa de compostaxe doméstica promovido por esta empresa pública en Galicia e cuxo obxectivo é reciclar a materia orgánica en orixe, logrando con isto importantes beneficios ambientais, económicos e sociais.

Cerceda, a 27 de outubro de 2021.- A autocompostaxe amplíase no municipio de Porriño (Pontevedra) a 50 novas vivendas unifamiliares que dispoñan de terreo (horta, xardín ou terras de cultivo). Para isto, Sogama entregou ao  Concello outros tantos composteiros (con capacidade para 400 litros efabricados con materiais reciclados e reciclables), así como manuais didácticos de apoio destinados aos veciños que participen nesta iniciativa.

Con todo, a compañía impartirá, en data a acordar polas partes, un curso de formación presencial a fin de que os usuarios teñan a oportunidade de reforzar os seus coñecementos na autoxestión da materia orgánica, así como de consultar dúbidas, tanto sobre a compostaxe doméstica como sobre calquera outro contedor de recollida selectiva, sen esquecer as boas prácticas na xestión sostible dos residuos urbanos (reducir, reutilizar e reciclar).

Técnicos especializados explicarán a operativa a seguir: desde o propio emprazamento do composteiro, que debe estar en contacto directo coa terra para facilitar a entrada dos microorganismos descompoñedores e nun lugar protexido das inclemencias meteorolóxicas, ata as tipoloxías de refugallos que poden –e non poden- depositarse neste recipiente e os parámetros que deben ser sometidos a control para obter un compost de alta calidade

Sumando partidas anteriores, a día de hoxe son 110 os recipientes achegados por Sogama ao Concello de Porriño co fin de que os usuarios poidan reciclar a materia orgánica en orixe a través da súa transformación en abono natural, obtendo con isto importantes beneficios ambientais, económicos e sociais.

O CONTEDOR QUE VÉN

O 31 de decembro de 2023 é a data establecida pola normativa para que os concellos, que son os que teñen as competencias na xestión dos residuos urbanos, implanten o denominado quinto contedor, de cor marrón.

Co obxecto de axudalos nesta tarefa, a Xunta de Galicia deseñou unha rede de infraestruturas que estará conformada por 4 plantas de biorresiduos: Cerceda, na provincia da Coruña, xa en operación; Cervo (Lugo); Vilanova de Arousa (Pontevedra); e Verín (Ourense). Estas catro instalacións estarán apoiadas por 13 plantas de transferencia ás que se dotará dunha tolva específica para o transvase da materia orgánica recollida de forma diferenciada.

Desta forma, a meirande parte dos concellos adheridos a Sogama, e nos que residen máis de 2,2 millóns de habitantes, terán unha planta de  biorresiduos ou de transferencia a menos de 50 km de distancia.

Saúdos, Departamento de Comunicación

27 Out 2021

Galería