Imagen_Sogama_Home
Vimeo

Idiomas

Autorizada a licitación do novo contrato de mantemento da rede de plantas de transferencia

Print this pagePrint this pagePrint this page
  • Esta rede está conformada por 20 instalacións situadas en lugares estratéxicos da comunidade galega, 5 na provincia de Pontevedra, 7 na de Lugo, 6 na da Coruña e 2 na de Ourense.
  • O contrato, cun orzamento de 24 millóns de euros, está previsto para un período de 3 anos e poderá ser prorrogado de forma expresa ata un máximo de 5.
  • O obxectivo é que Sogama siga prestando, en igualdade de condicións, un servizo de calidade aos concellos adheridos ao seu modelo, evitando que a distancia ata o seu centro de tratamento de Cerceda (A Coruña) poida chegar a representar algún tipo de limitación. 
  • O labor das plantas de transferencia é transvasar os residuos urbanos desde os camións de recollida municipal a contedores de gran capacidade (40-43 metros cúbicos) aptos para ser transportados, por tren ou estrada, a longas distancias e nas mellores condicións de seguridade, hixiénicas e ambientais .

Cerceda, a 12 de xaneiro de 2018.- A Xunta de Galicia, a través da Sociedade Galega do Medio Ambiente, licitará, por un importe de 24.308.100 euros (+ IVE), o servizo de operación e mantemento da súa rede de plantas de transferencia, conformada por 20 instalacións distribuídas estratexicamente polo conxunto do territorio galego para dar servizo aos municipios limítrofes.

O Consello da Xunta, na súa reunión de onte, autorizou o acordo polo que a entidade pode avanzar no concurso deste servizo, estipulado inicialmente para un período de 3 anos, que poderá ser prorrogado de forma expresa ata un máximo de 5, cunha posible prórroga excepcional doutro ano máis.

Neste novo contrato establécense unha serie de melloras que redundarán nun óptimo funcionamento destas instalacións, como é a actualización dos sistemas e equipos informáticos, a substitución, nos supostos designados, das depuradoras existentes ou ben a súa ampliación ou modificación, obras menores de acondicionamento, así como diversas accións de índole medioambiental.

O obxectivo último deste concurso é que Sogama siga prestando, en igualdade de condicións e no marco dos principios de equidade e solidariedade, un servizo de calidade aos concellos adheridos ao seu modelo, evitando desta forma que as distancias que, nalgúns casos, poida haber entre estes e o seu centro de tratamento de Cerceda (A Coruña), representen algún tipo de limitación.

Neste sentido, cabe lembrar que precisamente a empresa pública apostou no seu momento por poñer en marcha unha rede de plantas de transferencia para solucionar a dificultade loxística que supoñía a elevada dispersión da poboación galega, posibilitando que todos os municipios da comunidade, con independencia das súas características e situación xeográfica, recibisen as mesmas prestacións e que non viran incrementados os custos derivados da necesidade de percorrer nalgúns casos longas distancias para dar un correcto tratamento aos seus refugallos.

O labor das plantas de transferencia é precisamente o de trasvasar os residuos urbanos desde os camións de recollida municipal a contedores de gran capacidade (40-43 metros cúbicos) aptos para seren transportados, por tren ou estrada, a longas distancias e nas mellores condicións de seguridade, hixiénicas e ambientais.

Polo tanto, neste tipo de instalacións non hai almacenamento, manipulación ou tratamento de refugallos, contando, aínda así, coas medidas de protección ambiental máis exixentes. Habitualmente atópanse situadas en polígonos industriais e están conformadas por unha nave pechada que impide a emisión de ruídos cara ao exterior da instalación, equipos de aspiración e filtrado de aire nas tolvas de descarga, o que evita a emisión de po e cheiros, e sistemas de depuración de augas.

MAPA

A primeira planta de transferencia en poñerse en funcionamento foi a de Vigo (Guixar), no ano 1995, incorporándose progresivamente as 19 restantes á infraestrutura industrial de Sogama: Corcubión, Boiro, Narón, Santa Comba, Santiago de Compostela e Ortigueira, na provincia da Coruña; Lugo, Viveiro, Barreiros, Monforte de Lemos, Chantada, Sarria e Becerreá, na de Lugo; Vigo, O Porriño, Ribadumia, O Rosal e Silleda, na de Pontevedra; e Ourense (San Cibrao das Viñas) e a Rúa, na provincia de Ourense.

Saludos, Departamento de Comunicación

12 Xan 2018

Galería