SOGAMA en Facebook
SOGAMA en Twitter
SOGAMA en Vimeo
SOGAMA en Linkedin
SOGAMA

Idiomas

A Axenda da Alimentación Urbana da FAO propón cinco medidas para lograr cidades máis sostibles

Print this pagePrint this pagePrint this page
  • Con frecuencia, a vida na cidade xera malos hábitos alimentarios, ademais de ser un foco importante de desperdicio de comida.
  • É por isto que a FAO apoia aos responsables da formulación de políticas a nivel mundial para que os sistemas alimentarios se incorporen na planificación urbanística.
  • Neste marco, propón accións claves tales como promover a agricultura urbana, fomentar dietas saudables, reducir o desperdicio alimentario e xestionar os seus residuos, impulsar os espazos verdes e reconectar as cidades coas zonas rurais circundantes.

Cerceda, a 14 de febreiro de 2020.- Máis da metade da poboación mundial vive en cidades e estímase que esta cifra duplicarase en 2050.

As cidades son responsables xa do 70 % das emisións de CO2 no mundo e consomen dúas terceiras partes da enerxía mundial. Así mesmo, a urbanización estase producindo a costa dos recursos naturais e os espazos verdes, circunstancia que incrementa a vulnerabilidade das comunidades urbanas aos efectos do cambio climático.

É por isto que a Axenda da Alimentación Urbana da FAO apoia aos responsables da formulación de políticas a nivel mundial para que os sistemas alimentarios se incorporen na planificación urbanística e faise eco de cinco formas para lograr que as cidades sexan máis saudables e sostibles.

1. Promover a agricultura urbana

Aínda que sempre se asocia a agricultura ao medio rural, máis de 800 millóns de persoas practican a agricultura urbana en todo o mundo. Mantendo os terreos agrícolas nas zonas urbanas, pódese acurtar as cadeas de subministración e, polo tanto, reducir a cantidade de CO2 emitido durante o transporte dos alimentos das zonas rurais ás urbanas.

Así mesmo, a produción e a venda dunha maior cantidade de produtos frescos dentro da propia cidade permite diminuír o impacto ambiental da distribución de alimentos, incrementar as oportunidades de que haxa cadeas de subministración locais inclusivas e mellorar o acceso a alimentos nutritivos.

2. Fomentar dietas saudables

Nas cidades, onde hai unha ampla variedade de comida rápida e precociñada, os alimentos dispoñibles son a miúdo hipercalóricos e altamente elaborados. Trátase dunha tendencia crecente. Mentres tanto, nos países de ingresos medianos baixos, o consumo de alimentos elaborados de escaso valor nutricional aumentou un 5,45 % ao ano entre 1998 e 2012. Os gobernos dos países en desenvolvemento enfróntanse ao problema de ter que combater, non só a desnutrición, senón tamén a obesidade, que está a aumentar a un ritmo alarmante.

3. Reducir o desperdicio de alimentos e xestionar os residuos procedentes destes

Gran parte dos alimentos que reciben as zonas urbanas refúganse. Aínda que as causas varían dunha rexión a outra, xeralmente contribúen ao problema a mala planificación alimentaria, o envasado inadecuado, o incorrecto almacenamento e os hábitos culturais.

As medidas de ámbito municipal encamiñadas cara á recuperación de alimentos inocuos e nutritivos e a súa redistribución a través de organizacións benéficas e bancos de alimentos, cara á compostaxe ou cara á utilización de alimentos refugados para xerar enerxía, poden axudar enormemente a minorar o desperdicio de comida.

4. Impulsar os espazos verdes para instaurar contornas máis saudables e mellores estilos de vida

A medida que as zonas urbanas seguen expandíndose, os espazos verdes desaparecen. Máis aló do seu atractivo estético, as árbores e as zonas verdes son esenciais para mellorar a calidade do aire, suavizar as temperaturas urbanas, fomentar o exercicio físico e mellorar a saúde en xeral.

5. Reconectar as cidades coas zonas rurais circundantes

As cidades e as zonas urbanas non funcionan illadamente das zonas rurais. As urbes dependen en gran medida das zonas rurais veciñas para a obtención de alimentos e man de obra, a subministración de auga e a eliminación dos residuos de alimentos.

Os expertos apuntan a que a batalla por alcanzar os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) gañarase ou perderase nas cidades e é por iso que o ODS 11 (Lograr que as cidades e os asentamentos humanos sexan inclusivos, seguros, resilientes e sostibles) resulta tan importante.

Fonte e imaxe: FAO

Saúdos, Departamento de Comunicación

14 Feb 2020

Galería