Imagen_Sogama_Home
Vimeo
Linkedin

Idiomas

Bioloxía Ambiental da UVigo organiza un seminario sobre investigación e xestión de residuos

Print this pagePrint this page
  • Enmarcado na rede REGATA, terá lugar o próximo 30 de outubro, no CITEXVI, e contará coa participación de relatores de alto nivel das tres universidades galegas, así como do centro tecnolóxico Energylab, a empresa iCODA, SOGAMA e a Deputación de Pontevedra.
  • O prestixioso catedrático Salustiano Mato, á súa vez líder do Grupo de Bioloxía Ambiental, será o encargado de abrir a xornada, na que se presentarán as actividades que, no ámbito do tratamento dos residuos, estanse a levar a cabo a nivel académico e industrial, dando conta igualmente das estratexias definidas a nivel autonómico e provincial nun marco de economía circular.
  • O prazo de inscrición conclúe o próximo 25 de outubro, ás 14:00 horas.

Cerceda, a 11 de outubro de 2018.- O próximo 30 de outubro terá lugar, na Cidade Tecnolóxica de Vigo (CITEXVI), o seminario técnico que, baixo o título “Investigación e xestión de residuos sólidos”, organiza o Grupo de Bioloxía Ambiental da Universidade de Vigo, no marco da rede REGATA (Rede Galega de Tecnoloxías Ambientais).

Este Grupo, liderado polo catedrático Salustiano Mato e recoñecido como Grupo de Referencia Competitivo desde o ano 2007, centra a súa actividade investigadora en tres liñas de acción: tratamento de residuos orgánicos (tecnoloxías e aplicación de produtos); xestión e conservación dos medios acuáticos de auga doce e o medio mariño; e xestión, conservación do solo e control da súa contaminación.

A xornada, na que intervirán relatores de alto nivel das tres universidades galegas, o centro tecnolóxico Energylab, a firma ICODA, SOGAMA e a Deputación de Pontevedra, contará coa participación do grupo de investigación de Bioenxeñería e Procesos Sostibles (BIOSUV) da Universidade de Vigo, o grupo de Cartografía de solos e paisaxes, físico-química, degradación e recuperación de solos e augas (AMBIOSOL) da Universidade de Santiago de Compostela, e o grupo de Bioenxeñería Ambiental e Control de Calidade (BIOENGIN) da Universidade da Coruña.

ECONOMÍA CIRCULAR: FÍO CONDUTOR

A presentación do evento correrá a cargo do catedrático Salustiano Mato de la Iglesia, ao que seguirá a intervención do Dr. Emilio Rosales Villanueva, do Grupo BIOSUV, quen falará da valorización de residuos agroindustriais mediante pirólisis e as aplicacións medioambientais do biochar. Pola súa banda, o catedrático de Edafoloxía da Universidade de Santiago, Felipe Macías Vázquez, integrante do Grupo AMBIOSOL, exporá os pormenores do deseño e aplicación de tecnosois á carta, mentres que Isidro García, Director Xeral de SOGAMA, abundará na innovación tecnolóxica aplicada a residuos e a experiencia desta compañía pública na materia.

O Director Técnico de iCODA, Iván Rodríguez Verde, desgranará a xestión optimizada de residuos mediante co-dixestión anaerobia e a profesora María Carmen Veiga Barbazán, do Grupo BIOENGIN, referirase á valorización de residuos de atún para a produción de ácidos graxos volátiles.

Xa no último tramo da xornada, Ángela Rodríguez Abalde, Responsable da Área de Bioenerxía de Energylab, dará conta das novas alternativas de valorización do biogás na dixestión anaerobia de residuos orgánicos, e Carlos Pérez Losada, Asesor da Deputación de Pontevedra, explicará o contido e alcance do Plan Revitaliza.

En todo caso, o obxectivo do seminario é dar a coñecer as actividades que, no ámbito do tratamento dos residuos, se están a levar a cabo a nivel académico e industrial, así como expoñer as estratexias na xestión dos residuos municipais desde unha dimensión autonómica e provincial nun marco de economía circular.

O prazo de inscrición conclúe o próximo 25 de outubro, ás 14:00 horas.

http://www.regata.gal/actividades-de-difusion-xornadas-tecnicas/inscripcion-investigacion-e-gestion-de-residuos-adoitados

SOBRE REGATA

REGATA, Rede Galega de Tecnoloxías Ambientais, constitúese en 2016, no marco do Programa de Consolidación de Unidades de Investigación Competitivas do SUG (Sistema Universitario de Galicia), dentro da modalidade de Redes. Un total de 17 grupos de investigación das tres Universidades Galegas constitúen esta rede integrada por 98 profesores e 176 investigadores que traballan na área das Tecnoloxías Ambientais.

Máis información e www.regata.gal e twitter.com/rederegata

Saúdos, Departamento de Comunicación

11 Out 2018

Galería