SOGAMA
SOGAMA
SOGAMA
SOGAMA
SOGAMA
SOGAMA
SOGAMA en Facebook
SOGAMA en Twitter
SOGAMA en Vimeo
SOGAMA en Linkedin
SOGAMA

Idiomas

Boqueixón, co apoio de Sogama, estende o seu programa de compostaxe doméstica a 50 novas vivendas

Print this pagePrint this page
  • A compañía pública  subministrou ao concello 50 novos composteiros para que sexan repartidos entre outros tantos fogares, e que se sumarán aos 30 subministrados en anos anteriores.
  • Condición indispensable é que as vivendas sexan unifamiliares e que dispoñan de terreo (xardín, horta ou terras de cultivo) no que aplicar o compost resultante.
  • Desta forma, serán xa 90 as familias de Boqueixón adscritas a unha iniciativa coa que o concello pretende lograr importantes beneficios ambientais, económicos e sociais.
  • A empresa pública encargarase de impartir un curso de formación presencial destinado aos usuarios, aos que tamén se proporcionarán manuais didácticos de apoio.

Cerceda, a 8 de febreiro de 2019.- O concello de Boqueixón, co apoio de Sogama, reforza o seu programa de compostaxe doméstica estendéndoo a 50 novas vivendas. Desta forma, serán 90 os fogares que participarán nesta iniciativa, toda vez que a empresa pública subministrou 30 recipientes ao concello en anos atrás. Requisito indispensable é que as vivendas sexan unifamiliares e que dispoñan de terreo (xardín ou horta) no que aplicar o compost resultante, pechando desta forma o círculo de aproveitamento da materia orgánica, que regresa ao solo en forma de nutrientes.

BENEFICIOS

A autocompostaxe constitúe unha práctica con importantes beneficios, tanto ambientais como económicos e sociais. Desde a perspectiva ambiental porque, dado que os restos orgánicos representan, na composición media dunha bolsa de lixo tipo, ao redor do 42%, se se evita o seu depósito nos contedores verdes convencionais, propíciase unha redución da frecuencia de recollida e transporte por parte dos servizos municipais e, polo tanto, das emisións de CO2 á atmosfera.

Desde a económica, porque, se o concello entrega menos residuos a Sogama, vese diminuído o importe da factura a pagar a esta empresa pública.

E, desde a social, porque se recupera unha tradición arraigada no rural galego como é a segregación da materia orgánica para alimento do gando e/ou elaboración de compost.

O alcalde de Boqueixón, Manuel Fernández Munín, anima á veciñanza “a sumarse a esta nova iniciativa, coa que pretendemos reducir a cantidade de lixo que acaba nos contedores. Con este sistema, ademais, contribuímos a coidar o noso medio ambiente”. Para obter os composteiros, as persoas interesadas deben solicitalos ao concello. Poderanno facer ata o próximo 11 de marzo enviando un correo electrónico a concello@boqueixon.com  ou ben chamando ao teléfono 981513061.

FORMACIÓN

Sogama xa subministrou ao concello os 50 novos composteiros, de 350 litros de capacidade e fabricados con materiais reciclados e reciclables. A fin de que os usuarios coñezan con máis precisión a técnica, educadores especializados ao servizo desta empresa pública serán os encargados de impartir un curso de formación presencial no que se explicará a dinámica a seguir: desde a propia ubicación do recipiente ata a relación de materiais que deben e non deben ser depositados no mesmo e o control de parámetros tales como o osíxeno, a temperatura e a humidade. O obxectivo último é que os participantes poidan obter un abono natural de calidade e apto para ser aplicado con garantías, e sen restricións, na agricultura.

Así mesmo, recibirán un manual didáctico de apoio no que se describen os pasos a seguir á hora de utilizar o composteiro, clarificando as dúbidas máis comúns e solventando as incidencias máis frecuentes.

Ademais, Sogama dispón dun sitio web específico www.compostaconsogama.gal, no que os interesados poden acceder a toda a información sobre este programa e recursos de apoio (vídeos e xogos).

A día de hoxe, a Sociedade Galega do Medio Ambiente xa repartiu máis de 9.700 composteiros entre 294 entidades de toda Galicia (concellos, centros educativos e colectivos sociais).

Saúdos, Departamento de Comunicación

8 Feb 2019

Galería