Imagen_Sogama_Home
Vimeo

Idiomas

BYTA: reutilizar nun só click

Print this pagePrint this pagePrint this page
  • Trátase dunha aplicación móbil ideada por un grupo de alumnos da Universidade Pública de Navarra a través da cal se posibilita, dunha forma sinxela, intuitiva e divertida, o intercambio de obxectos aos que non se dea uso.
  • Dispoñible para teléfonos e tabletas que usen o sistema operativo Android, ten carácter gratuíto e o seu fin último é alongar a vida útil dos produtos e diminuír a xeración de residuos.
  • O único requisito é publicar unha imaxe do artigo destinado ao trueque. O “match” ou emparellamento con outra persoa só terá lugar se indicamos que nos gusta un dun usuario ao que tamén lle atraeu o noso. Chegados a este punto, poderase iniciar unha conversación privada para acordar os termos do intercambio.

Cerceda, a 11 de xaneiro de 2018.-  Un pequeno grupo de alumnos de cuarto curso do graoo de Enxeñaría en Tecnoloxías de Telecomunicación da Universidade Pública de Navarra (UPNA) ideou  unha aplicación móbil que, baixo a denominación de “Byta”, posibilita, dunha forma sinxela, intuitiva e divertida, o intercambio de obxectos aos que non se dea uso, poñendo en contacto a persoas que queren desprenderse do que xa non necesitan.

A aplicación, dispoñible para teléfonos e tabletas con sistema operativo Android, ten carácter gratuíto e foi concibida no marco da asignatura “Proxectos en Enxeñaría Telemática”, baixo a coordinación e supervisión de Eduardo Magaña Lizarrondo, profesor do Departamento de Automática e Computación e investigador do Instituto de SmartCities (ISC), orientado cara ao deseño, a análise, a implementación e optimización de contornas intelixentes.

Cunha interface simple, o fin último desta idea é posibilitar o máximo aproveitamento dos produtos e alongar a súa vida útil dándolles novas oportunidades a través do trueque.

A diferenza dos requisitos esixidos por plataformas especializadas para desfacernos das cousas que xa non precisamos e que maioritariamente requiren publicar unha imaxe, incorporar a descrición do artigo, fixar o prezo e elixir a categoría de referencia, no caso de Byta só se precisa difundir a imaxe do produto, podendo concibirse, en palabras dos seus ideólogos, “case como un xogo para os usuarios”.

Explican que os obxectos vanse mostrando individualmente, xerando, no momento no que nos gusta algo, un “match” ou emparellamento con outra persoa, que só se producirá se indicamos que nos gusta un artigo dun usuario ao que tamén lle atraeu o noso. Chegados a este punto, poderase iniciar unha conversación privada para acordar os termos do intercambio.

Con esta concepción, Byta configúrase cun elemento de interese no tránsito que, sen dúbida, debemos realizar desde o obsoleto e caduco sistema de vida lineal, protagonizado polas malas prácticas de usar e tirar, a un circular no que se diminúan os residuos e estes se transformen en recursos.

A aplicación está dispoñible en https://goo.gl/ZJXpCU.

Saúdos, Departamento de Comunicación

11 Xan 2018

Galería