SOGAMA en Facebook
SOGAMA en Instagram
SOGAMA en Twitter
SOGAMA en Vimeo
SOGAMA en Linkedin
SOGAMA

Idiomas

A campaña da reciclaxe regresa aos centros escolares de Lugo

Print this pagePrint this pagePrint this page

•Monitores especializados trasladaranse mañá, día 22, ao CEIP Sagrado Corazón e CEIP Virxe da Soidade, o 24 ao CPR María Auxiliadora, o 31 ao CPR Cervantes e o 7 de febreiro ao CEIP Rosalía de Castro. O obxectivo: formar e sensibilizar aos alumnos no ámbito da reciclaxe, constituíndo a participación cidadá o paso imprescindible para proceder á recuperación de residuos.

•O día 28 de xaneiro, a campaña “Separemos ben, reciclaremos mellor” viaxará ao IES Lois Pena Novo de Vilalba con idéntica pretensión.

•As actividades a levar a cabo adaptaranse en todo momento ao perfil académico dos estudantes e estarán apoiadas por diferente material divulgativo e de merchandising.

Cerceda, a 21 de xaneiro de 2014.- A campaña educativa “Separemos ben, reciclaremos mellor” regresa a Lugo para proseguir o seu periplo polos colexios da cidade e adiestrar aos escolares nas boas prácticas ambientais de cara a garantir o reciclado dos refugallos producidos nos fogares.

Así, e mentres que mañá, día 22, trasladarase ao CEIP Sagrado Corazón e CEIP Virxe da Soidade, o 24 farao ao CPR María Auxiliadora, o 31 ao CPR Cervantes e o 7 de febreiro ao CEIP Rosalía de Castro. O obxectivo non é outro que lograr a implicación dos alumnos nese gran reto que supón incrementar os niveis de reciclaxe, dispensándolles a formación necesaria e, por suposto, o grao de concienciación e sensibilización que esixe un logro destas características.

SEPARAR, XESTO BÁSICO PARA RECICLAR
Porque a colaboración cidadá constitúe o paso imprescindible para poder transformar os desperdicios en novos produtos, aforrando enerxía e materias primas; un traballo insubstituíble que necesariamente deberá levar a cabo cada familia, procedendo a separar os residuos por tipoloxías e depositándoos nos contedores correspondentes emprazados nas vías públicas: amarelo, para os envases de plástico, latas e briks (nunca plásticos que non sexan envases nin envoltorios); azul, para os de cartón e papel (nunca papeis de calco, plastificados ou encerados, nin tampouco os sucios e con restos de graxa); iglú verde, para as botellas, tarros e frascos de vidro, sen os tapóns (debendo evitar os vidros especiais tales como restos de cristalerías, espellos, lámpadas, etc); e contedor verde xenérico, para a fracción resto ou non reciclable, isto é, cueiros, compresas, bolígrafos, cables, roupa deteriorada, etc.

Tamén se prestará atención ás pilas, dado o seu alto poder contaminante, procedendo á súa recollida a través dos recipientes específicos a disposición dos cidadáns en lugares estratéxicos tales como colexios, casas consistoriais, centros sociais e establecementos comerciais.

Ademais, aproveitarase a ocasión para abordar a xestión de residuos de características especiais (voluminosos, aparellos eléctricos e electrónicos, aceites, fluorescentes, pinturas, etc) e que se recollen a través dos puntos limpos, aos que os cidadáns deben desprazarse co obxectivo de entregar alí estes materiais e así garantir que recibirán un tratamento axeitado conforme ás súas características e nivel de perigosidade e toxicidade.

Dado o importante papel que os pequenos poden desempeñar na formación das súas familias, a campaña considéraos un público obxectivo prioritario, de aí que reserve para eles múltiples actividades coas que dispensarlles os coñecementos necesarios, posibilitando que estes exerzan unha tarefa educativa no seu contorno máis inmediato.

A AUTOCOMPOSTAXE, OUTRA FORMA DE RECUPERAR
Así mesmo, e dada a recente incorporación do municipio de Lugo á compostaxe doméstica, explicaráselles as vantaxes que esta trae consigo desde a dimensión ambiental, económica e social, toda vez que constitúe unha magnífica opción para a reciclaxe da materia orgánica nas propias vivendas do ámbito rural e semiurbano, obtendo un abono natural de alta calidade para o solo.

Ademais, tendo en conta que os desperdicios orgánicos representan aproximadamente o 40 por cento do lixo xerado, con este sistema evítase o depósito dos mesmos nos contedores verdes convencionais, contribuíndo a que o importe da factura que o concello debe pagar a Sogama se vexa notablemente reducido.

Monitores especializados serán os encargados de visitar cada centro educativo para impartir charlas, gratificar aos alumnos con xogos e, por suposto, obsequialos con distinto material divulgativo e de merchandising.

Mesmo modus operandi se repetirá o día 28 de xaneiro no IES Lois Pena Novo de Vilalba, localidade tamén adscrita a esta campaña, promovida pola Consellería de Medio Ambiente e Sogama co apoio de Ecoembes e os Sistemas Integrados de Xestión de pilas (Ecopilas, Ecolec e ERP).

Saúdos, Departamento de Comunicación

21 Xan 2014

Galería