Imagen_Sogama_Home
Vimeo

Idiomas

Carballo estende a súa rede de vermicompostaxe ao eido escolar

Print this pagePrint this pagePrint this page
  •  Tras incorporar 22 familias ao programa de vermicompostaxe, a concellería que dirixe Luís Lamas quixo estender esta experiencia aos centros educativos e ao propio horto infantil ecolóxico, entre os que distribuíu seis vermicomposteiros cedidos por Sogama .
  • Consciente de que os pequenos desempeñan un papel clave na sostibilidade, o concello non quixo perder a oportunidade de facelos partícipes desta experiencia, á que, sen dúbida, contribuirán de forma efectiva e desde o máximo interese.
  • Neste caso, o peso do proceso de fermentación da materia orgánica recae sobre lombrigas de terra, que a inxiren e a excretan en forma de humus, un abono natural con extraordinarias propiedades fertilizantes para o solo.
  • A promoción da compostaxe nas súas diferentes modalidades, permite a Carballo contribuír a pechar o ciclo de recuperación dos residuos orgánicos, evitando que estes sexan depositados nos contedores convencionais.

Cerceda, a 13 de marzo de 2018.-  Na súa firme aposta pola prevención e a redución de residuos, así como pola reciclaxe da materia orgánica en orixe, o concello  de Carballo, con ampla experiencia no ámbito da compostaxe nas súas distintas modalidades, decidiu estender as prácticas de vermicompostaxe ao ámbito escolar. Así, e co apoio de Sogama, distribuíu un total de seis vermicomposteiros entre o propio Horto Infantil Ecolóxico, os CEIP Fogar e Nétoma-Razo e o Centro Rural Agrupado, que aglutina a unha serie de escolas unitarias.

Esta nova fase ten lugar despois de que o Departamento de Medio Ambiente puxera en marcha un plan pioneiro de tratamento da fracción orgánica dos residuos a través de lombrigas de terra nun total de 22 fogares, sendo formadas as familias participantes a través dun curso presencial, apoiado con material divulgativo, e impartido pola firma Ecocelta, especialista na fabricación de abonos ecolóxicos.

A diferenza da compostaxe doméstica, que necesariamente debe ser implantada en vivendas unifamiliares que dispoñan de terreo (horto ou xardín) no que aplicar o compost resultante, no caso da vermicompostaxe non resulta un requisito imprescindible, podendo levarse a cabo en calquera todo de fogar.

Os recipientes están conformados por tres caixóns a través dos cales discorre o proceso e onde as lombrigas de terra inxiren a materia orgánica, excretándoa logo en forma de humus, un fertilizante natural de extraordinarias propiedades agronómicas para o solo, toda vez que o dota dunha maior resistencia ante pragas e enfermidades.

Desta forma, o concello  contribúe a pechar o ciclo de recuperación dos residuos orgánicos, evitando que estes sexan depositados nos contedores convencionais, cos conseguintes beneficios ambientais, económicos e sociais.

Para que o desenvolvemento da técnica se leve a cabo con garantías, os usuarios xa recibiron as instrucións oportunas, debendo controlar parámetros tales como o osíxeno, a humidade e a temperatura, esenciais para a supervivencia das lombrigas e para a correcta operativa do programa.

Coa incorporación do ámbito escolar a esta iniciativa, a concellería que dirixe Luís Lamas pretende implicar ao colectivo educativo nunha xestión máis sostible dos residuos e que esta se integre de forma transversal nas propias aulas, formando parte das materias obxecto de estudo.

Neste caso, a formación dos pequenos, verdadeiros vehículos canalizadores das boas prácticas ambientais, corre a cargo do persoal municipal que atende o horto ecolóxico e con ampla experiencia neste ámbito.

Saúdos, Departamento de Comunicación

13 Mar 2018

Galería