SOGAMA en Facebook
SOGAMA en Twitter
SOGAMA en Vimeo
SOGAMA en Linkedin
SOGAMA

Idiomas

A CE coordina unha coalición mundial de acuarios para concienciar sobre contaminación por plásticos

Print this pagePrint this pagePrint this page
  • Case a metade do total de residuos mariños que contaminan os nosos océanos corresponden a dez tipos de artigos de plástico dun só uso, como recipientes alimentarios, vasos e botellas de bebidas, bastoncillos de algodón, envoltorios de cubertos, cabichas de cigarros, produtos sanitarios e bolsas.
  • En tan só dous anos, creouse unha rede conformada por 182 acuarios en 41 países, dos cales 116 deles están na UE. Desta forma conséguese que a acción chegue a millóns de persoas en todo o mundo.

Cerceda, a 18 de xullo de 2019.- Os acuarios tamén poden representar unha gran axuda na formación e concienciación ambiental da poboación. Consciente disto, a Comisión Europea coordina unha coalición mundial de acuarios co fin de que contribúan  á sensibilización social en torno á contaminación mariña por plásticos e que os cidadáns eviten os artigos de plástico de usar e tirar, se ben a nova normativa europea xa prohibiu algúns deles  para o ano 2021.

Case a metade do total de refugallos mariños que contaminan os nosos océanos corresponden a dez tipos de produtos plásticos dun só uso, como recipientes alimentarios, vasos e botellas de bebidas, bastoncillos de algodón, envoltorios, cabichas de cigarros, produtos sanitarios e bolsas.

182 ACUARIOS ADHERIDOS CON DISTINTAS INICIATIVAS

Gilles Doignon, biólogo mariño e responsable de medios sociais da Dirección Xeral de Medio Ambiente da Comisión Europea, recordou canto lle impresionaban os acuarios cando era pequeno e esa imaxe foi a que inspirou a idea de crear unha rede de acuarios para axudar a concienciar ao público en xeral sobre a contaminación do plástico.

A través de Twitter, púxose en contacto con acuarios de toda Europa para propoñerlles que formen aos seus visitantes sobre este problema e o acuario  irlandés de Galway foi o primeiro en sumarse ao proxecto, seguido polo de Malta.

En tan só dous anos, creouse unha rede conformada por 182 acuarios en 41 países, dos cales 116 deles están na UE. Desta forma conséguese que a acción chegue a millóns de persoas en todo o mundo.

Coordinada pola Comisión Europea, a coalición é unha alianza entre acuarios e outras institucións, como o Instituto Oceanográfico de Mónaco, o Programa das Nacións Unidas para o Medio Ambiente (PNUMA), a Unesco e organizacións internacionais de acuarios. Todos os socios da coalición promoven o lema #ReadyToChange to #BeatPlasticPollution, baseado en campañas da UE e das Nacións Unidas, utilizando exposicións, redes sociais e persoas influintes.

Os membros da coalición utilizan diferentes métodos para educar aos seus visitantes. Algúns expuxeron tanques cheos de lixo para mostrar como é un mar contaminado. Un acuario esloveno creou unha escultura de ondas utilizando centos de botellas de plástico. Outro, en España, fixo un vídeo de sensibilización cunha serea como protagonista. Un acuario francés está traballando con pescadores e cunha empresa privada para reciclar o plástico que capturan nas súas redes.

“Para a vida mariña, o plástico é catastrófico. As bolsas asfixian ás baleas, e as palliñas causan danos ás tartarugas cando as inxiren. No mar do Norte, o 90 % das aves teñen plástico no estómago. Os peixes novos e ata os organismos unicelulares inxiren microplásticos que poden matalos», asegura Doignon.

Ao seu xuízo, o principal desafío é acabar coa cultura do usar e tirar.

«Na quinta edición da conferencia “O noso Océano”, celebrada en Bali o pasado mes de outubro, a Comisión comprometeuse a ampliar a coalición a 200 acuarios.. O 1 de novembro de 2019, o PNUMA farase cargo do proxecto para ampliar o seu alcance mundial.

Fonte e imaxe: Comisión Europea

Saúdos, Departamento de Comunicación

18 Xul 2018

Galería