SOGAMA en Facebook
SOGAMA en Instagram
SOGAMA en Twitter
SOGAMA en Vimeo
SOGAMA en Linkedin
SOGAMA

Idiomas

A CE propón un cargador único para os dispositivos electrónicos, medida que reducirá os RAEE

Print this pagePrint this pagePrint this page
  • Desta forma aumentarase a comodidade dos consumidores e reducirase a pegada ambiental que supón producir e eliminar cargadores, apoiando así as transicións ecolóxica e dixital.
  • Os europeos gastan aproximadamente 2.400 millóns de euros ao ano en cargadores soltos e calcúlase que os cargadores eliminados e non utilizados representan 11.000 toneladas anuais de residuos electrónicos.

Cerceda, a 24 de setembro de 2021.- A Comisión Europea dou onte, 23 de setembro, un paso importante na loita contra os residuos electrónicos e as molestias que os consumidores experimentan debido á prevalencia de diferenzas e incompatibilidades entre os cargadores para dispositivos electrónicos. A Comisión presenta lexislación a fin de establecer unha solución común de carga para todos os dispositivos pertinentes.

Coa proposta de revisión da Directiva sobre equipos radioeléctricos, harmonizaranse o porto de carga e a tecnoloxía de carga rápida: o USB- C converterase no porto estándar para todos os teléfonos intelixentes, tabletas, cámaras, auriculares, altofalantes e videoconsolas portátiles. Ademais, a CE propón a venda por separado dos cargadores e os dispositivos electrónicos, o que aumentará a comodidade dos consumidores e reducirá a pegada ambiental que supón producir e eliminar cargadores, apoiando así as transicións ecolóxica e dixital.

A Comisión propón o seguinte:

  • Un porto de carga harmonizado para os dispositivos electrónicos: o USB- C será o porto común, o que permitirá aos consumidores cargar os seus dispositivos co mesmo cargador USB- C, independentemente da marca do dispositivo.
  • A harmonización da tecnoloxía de carga rápida axudará a evitar que os distintos fabricantes limiten inxustificadamente a velocidade de carga e contribuirá a garantir que a velocidade desta sexa a mesma cando se utilice un cargador compatible para un dispositivo.
  • A venda por separado dos cargadores e os dispositivos electrónicos permitirá aos consumidores adquirir un novo dispositivo electrónico sen un cargador novo. Con isto limitarase o número de cargadores non desexados adquiridos ou sen utilizar. Calcúlase que, ao reducir o número de cargadores novos que se producen e eliminan, a cantidade de residuos electrónicos diminuirá en case mil toneladas anuais.
  • Unha mellora da información dirixida aos consumidores: os fabricantes terán que facilitar información pertinente sobre o rendemento de carga, sobre a potencia requirida polo dispositivo e se admite carga rápida. Isto facilitará que os consumidores comproben se os cargadores que xa teñen cumpren os requisitos do seu novo dispositivo ou lles axudará a seleccionar un cargador compatible. Xunto coas demais medidas, esta acción podería contribuír a que os consumidores limiten o número de novos cargadores adquiridos, e axudaralles a aforrar 250 millóns de euros ao ano en compras innecesarias.

A revisión da Directiva sobre equipos radioeléctricos forma parte dunha acción máis ampla da Comisión para abordar a sostibilidade dos produtos, en particular dos aparellos electrónicos no mercado da UE, que será o foco de atención dunha futura proposta sobre produtos sostibles.

MARCO DE REFERENCIA

En 2020, vendéronse aproximadamente 420 millóns de teléfonos móbiles e outros dispositivos electrónicos portátiles na UE. Por termo medio, os consumidores posúen uns tres cargadores de teléfonos móbiles, dos cales utilizan dous de forma regular. A pesar disto, o 38% afirma que tivo problemas, alomenos unha vez, para cargar o seu teléfono móbil debido á incompatibilidade dos cargadores dispoñibles.

A situación non só causa molestias, senón que tamén resulta custosa para os cidadáns, que gastan aproximadamente 2.400 millóns de euros ao ano en cargadores soltos que non se venden xunto cos seus dispositivos electrónicos. Ademais, calcúlase que os cargadores eliminados e non utilizados representan 11.000 toneladas anuais de residuos electrónicos.

Fonte e imaxe: Comisión Europea

24 Set 2021

Galería