Imagen_Sogama_Home
Vimeo

Idiomas

A cidade de Ourense únese á campaña de Sogama para reducir o desperdicio alimentario

Print this pagePrint this pagePrint this page
  • Baixo o lema “Comer si, tirar non”, estase a desenvolver no presente mes de maio, no marco do Día Internacional da Reciclaxe, que coincide precisamente coa conmemoración do Día das Letras Galegas.
  • Técnicos ao servizo de Sogama desprazaranse mañá, día 16, á cidade de As Burgas para impartir unha charla informativa e formativa sobre esta materia, que estará destinada aos membros da Asociación Veciñal As Termas.
  • Un terzo dos alimentos que se producen no mundo acaban refugados, dando lugar a un problema con graves prexuízos ambientais, económicos e sociais.
  • As malas prácticas no fogar contribúen en gran medida a este fenómeno (cun 42%), facéndose necesario actuar neste ámbito.
  • Consumir de forma responsable, organizar a neveira e a despensa, diferenciar entre data de caducidade e data de consumo preferente, axustar as racións ao número de comensais, facer un oco na cesta da compra para os alimentos “feos” e aproveitar as sobras, entre as recomendacións a levar a cabo.

Cerceda, a 15 de maio de 2018.- No marco da campaña “Comer si, tirar non”, lanzada por Sogama  e a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, o concello  de Ourense decidiu sumarse á mesma para aportar o seu gran de area na redución do desperdicio alimentario.

Técnicos ao servizo da empresa pública desprazaranse mañá, día 16, á cidade de As Burgas para impartir unha charla, informativa e formativa, destinada aos membros da Asociación de Veciños de As Termas, tendo esta lugar no propio local social, ás 20:00 horas.

Os datos son preocupantes: un terzo dos alimentos que se producen no mundo para o consumo humano, é dicir, 1.300 millóns de toneladas anuais, acaban desperdiciados; unha cantidade coa que se podería alimentar a 2.000 millóns de persoas.

En Europa pérdense cada ano 89 millóns de toneladas de comida, sendo España o sétimo país que máis desperdicia.

Se ben os alimentos refúganse en todos os eslabóns da cadea, o certo é que o fogar, co 42%, constitúe o ámbito que máis contribúe a este fenómeno, que ten graves consecuencias económicas, sociais, morais e ambientais. De feito, se o desperdicio alimentario fose un país, sería o terceiro maior emisor de GEI (Gases de Efecto Invernadoiro), tras Estados Unidos e China.

Con estas cifras na man, o Parlamento Europeo propuxo reducir nun 30% o desperdicio de alimentos para 2025 e nun 50% para 2030.

O fin último da actividade formativa que se impartirá en Ourense non é outro que explicar este problema aos cidadáns e proporcionarlles sinxelas recomendacións coas que facer fronte ao mesmo e evitar que a comida acabe cada día no cubo de lixo.

XESTOS A ADOPTAR

1.- Elabora un menú cada semana e, a partir do mesmo, fai a lista da compra, incluíndo só o que necesites.

2.- É fundamental saber o que temos na neveira e a despensa. Para isto, a orde é primordial: debemos colocar ben á vista os alimentos que corren maior risco de perderse. E non debemos deixarnos seducir polos alimentos “guapos”; os “feos” posúen as mesmas propiedades nutritivas, aínda que o seu aspecto non nos resulte tan atractivo.

3.- Non debemos confundir a data de caducidade coa de consumo preferente. A primeira indica o momento a partir do cal un alimento non debe consumirse, por razóns de seguridade e saúde; a segunda, establece o límite temporal a partir do cal un alimento pode perder parte das súas calidades (textura e sabor), aínda que continúa a ser perfectamente apto para o consumo.

4.- Para fomentar o emprego local e reducir as emisións deCO2 derivadas do transporte, elixamos produtos frescos, locais e de tempada.

5.- Hai que ter en conta o número de comensais, axustando as racións ás súas necesidades. E se sobra comida, non dubides en repartila entre os invitados.

6.- É necesario cambiar os nosos hábitos tamén cando comemos nun restaurante: se sobra comida, debemos pedir que nola preparen para levala. A fin de contas, é nosa, porque xa a pagamos; e se a deixamos alí, acabará no cubo do lixo.

7.- Antes de que os alimentos se estraguen, temos a posibilidade de conxelalos, para consumilos posteriormente. E se nos sobrou comida, podemos preparar novos pratos; só fai falta un pouco de imaxinación.

8.- Pero, ademais de cubrir as nosas propias necesidades, podemos ser solidarios e entregar parte da comida que compramos aos bancos de alimentos e ás organizacións sociais, para axudar aos máis desfavorecidos.

9.- E, cando apliquemos todos estes bos consellos, os restos orgánicos non comestibles aínda poden ter un bo destino: se dispoñemos de horta ou xardín, podemos compostalos, para obter un abono natural con excelentes propiedades fertilizantes.

10.- En resumo,  a comida é un ben valiosísimo do que, lamentablemente, non todos os seres humanos dispoñen. Polo tanto, respéctaa, consérvaa e compártea…pero xamais a tires.

Saúdos, Departamento de Comunicación

15 Mai 2018

Galería