SOGAMA en Facebook
SOGAMA en Instagram
SOGAMA en Twitter
SOGAMA en Vimeo
SOGAMA en Linkedin
SOGAMA

Idiomas

"Coidemos do que comemos", título da obra con refugallos elaborada polo CEIP de Artes

Print this pagePrint this pagePrint this page
  • Este centro, pertencente á localidade costeira de Ribeira, efectuou un traballo no que denuncian o uso e abuso de plásticos, moitos dos cales acaban no mar, converténdose nunha importante fonte de contaminación.
  • Reparan especialmente no impacto ambiental e económico desta problemática, xa que moitas familias da localidade viven dos ingresos que lles reporta o mar.
  •  Pola súa banda, un océano contaminado sesga a vida dos peixes e moitas veces os alimentos mariños chegan ás nosas mesas con gran cantidade de microplásticos cuxos efectos sobre a saúde humana están aínda por determinar.

Cerceda, a 26 de xullo de 2019.- Con motivo da convocatoria de premios correspondente ao programa educativo “Recíclate con Sogama”  2018-2019, no que se valoraban as obras de arte realizadas con materiais de refugallo por parte dos 25 centros que participaron nesta iniciativa, cabería aludir á presentada polo CEIP Plurilingüe de Artes, pertencente ao concello de Ribeira, na provincia da Coruña.

Co seu traballo, coordinado pola profesora Alba Comojo Ordóñez, pretendían chamar a atención sobre a localidade mariñeira na que habitan os alumnos e alumnas deste colexio, cuxas familias traballan no mar, sendo o seu sustento o peixe que capturan e que logo poñen á venda.

A preocupación pola contaminación mariña derivada dos plásticos é, se cabe, aínda maior nos municipios de costa, dada a súa dimensión económica e medioambiental. É por isto que a comunidade educativa do centro ribeirense decidiu xestar unha obra de denuncia e protesta  para que se abandone o plástico de usar e tirar e se opte por outras alternativas máis sostibles, apelando ao mesmo tempo á concienciación cidadá, xa que o mar non é un vertedoiro. Así o aseguran no seu proxecto: “Nós non queremos un mar de plásticos, cheo de contaminación, onde os peixes morran cada día pola acción humana ou que se intoxiquen con microplásticos que logo comemos”.

Consideran que na práctica dos tres erres (Reducir, Reutilizar e Reciclar) reside a clave. É dicir, consumir de forma responsable, adquirir unicamente o necesario, priorizar as compras a granel, levar a bolsa da casa ao mercado e evitar o desperdicio alimentario.

O mar é fonte de vida e de ingresos para moitas familias, e o peixe é un ingrediente básico da alimentación humana.

Na elaboración da obra  utilizaron refugallos tales como tapóns e bolsas plásticas, cápsulas de café, chapas de refrescos,  así como cartóns e botes de plástico de champú e suavizante, entre outros.

Saúdos, Departamento de Comunicación

26 Xul 2019

Galería