Imagen_Sogama_Home
Vimeo
Linkedin

Idiomas

Colaboración: a clave para loitar contra o desperdicio alimentario

Print this pagePrint this page
  • Así se puxo de relevo no VI Punto de Encontro AECOC celebrado en Madrid a finais do pasado mes de setembro e no que participaron preto de 250 profesionais vinculados ao sector da alimentación.
  • Ignacio Trueba, representante en España da FAO, destacou, entre outras cuestións, que “se o desperdicio alimentario fose un país, sería o terceiro do mundo que máis gases de efecto invernadoiro produciría”.
  • Así mesmo, mostrou a súa preocupación polo incremento da fame no mundo e subliñou a importancia da cooperación entre os distintos actores para poñer fin á mesma.
  • Segundo datos da FAO, coa cuarta parte do que se desperdicia e se tira, poderíase resolver o problema da fame e contribuiríase a lograr a Fame Cero sen ter que aumentar os custos de produción.

Cerceda, a 9 de outubro de 2018.- Un terzo dos alimentos que se producen no mundo para o consumo humano acaban desperdiciados, dando lugar a un problema con graves implicacións ambientais, económicas, sociais e morais.

Non obstante, algo está cambiando e percíbese unha maior sensibilización ao respecto por parte do conxunto da sociedade. Así se puxo de manifesto no VI Punto de Encontro AECOC (Asociación de Fabricantes e Distribuidores), celebrado en Madrid o pasado 27 de setembro, e no que se deron cita preto de 250 profesionais do sector (directivos, portavoces da Administración Pública, bancos de alimentos e asociacións profesionais e de consumidores)

Ignacio Trueba, representante en España da FAO, destacou, entre outras cuestións, o impacto ambiental que este fenómeno xera, asegurando que “se o desperdicio alimentario fose un país, sería o terceiro do mundo que máis gases de efecto invernadoiro produciría”, unha comparativa que ilustra perfectamente as súas negativas consecuencias para a contorna.

Incidiu, así mesmo, na necesaria cooperación entre os distintos actores, recordando que, por terceiro ano consecutivo, aumentou a fame no mundo, chegando aos 821 millóns de persoas subalimentadas, unha cifra que se achega ás taxas de fai case unha década.

Igualmente, puxo de relevo o momento favorable que está a experimentar o noso país de cara ao Obxectivo de Desenvolvemento Sostible (ODS) 2, toda vez que, o pasado 18 de setembro, constituiuse a Alianza Parlamentaria Española en favor do Dereito á Alimentación, da que forman parte 160 deputados e senadores de diferentes partidos políticos e, unha semana despois, presentouse o Observatorio do Dereito á Alimentación, unha rede de institucións académicas que busca garantir o dereito á alimentación axeitada a través da investigación multidisciplinar. Aludiu igualmente ao Cume Parlamentario Mundial contra a Fame, que reunirá os próximos días 29 e 30 de outubro a lexisladores de todo o mundo.

Pola súa banda, Naiara Sáez, directora de Comunicación e Transferencia de Cetaqua, deixou constancia do impacto que ten o desperdicio alimentario na pegada hídrica, sinalando que, no caso de España, leva acompañado un malgaste de auga equivalente a 131 litros por persoa e día, o que equivale a unha bañeira enteira de grandes dimensións.

APROVEITAR EXCEDENTES

Os participantes neste evento coincidiron en sinalar a importancia das accións de formación, divulgación e concienciación social na materia, así como a necesidade de previr as ineficiencias que acaban xerando desperdicio e o papel que pode desempeñar a investigación e innovación de cara a optimizar o aproveitamento de excedentes alimentarios nun marco de economía circular.

Todo apunta a que, no ano 2050, haberá 2.000 millóns de persoas máis no mundo, resultando necesario producir un 50% máis de alimentos. Segundo datos da FAO, coa cuarta parte do que se desperdicia e se tira, poderíase resolver o problema da fame e contribuiríase a lograr a Fame Cero sen ter que aumentar os custos de produción.

Fonte: FAO

Imaxe: Pixabay

Saúdos, Departamento de Comunicación

9 Out 2018

Galería