SOGAMA en Facebook
SOGAMA en Twitter
SOGAMA en Vimeo
SOGAMA en Linkedin
SOGAMA

Idiomas

Colexios de diversos municipios lucenses benefícianse estes días da campaña de reciclaxe promovida pola Consellería de Medio Ambiente e Ecoembes

Print this pagePrint this pagePrint this page

•Educadores especializados desprazaranse a Lugo, Sarria, Quiroga, Sober, Pantón, Monterroso e Rábade para facilitar aos case 300 escolares de 5º e 6º de primaria as correspondentes explicacións en torno ao principio dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe) e forma de levalos á práctica.

•A través de obradoiros, xogos e outras actividades didácticas e lúdicas trasladaráselles a importancia de que participen activamente na xestión sostible dos residuos urbanos como fórmula coa que evitar a contaminación ambiental e o malgaste de recursos.

Cerceda, a 19 de novembro de 2012.- A campaña “Separemos ben, reciclaremos mellor” continúa, da man da Consellería de Medio Ambiente e Ecoembes, o seu itinerario polos centros escolares de varios concellos lucenses. Mentres que mañá e pasado tócalles a quenda a escolares de Lugo e Sarria, o resto da semám serán os de Quiroga, Sober, Pantón, Monterroso e Rábade quen se beneficiarán desta iniciativa. O obxectivo é que os pequenos interioricen os comportamentos básicos que deben levar a cabo para colaborar activamente na xestión sostible dos residuos, cobrando o principio dos tres erres unha importancia trascendental.

A través de explicacións, obradoiros, xogos e outras actividades, os nenos que cursan 5º e 6º de primaria terán a oportunidade de aprender as nocións básicas vinculadas ao consumo responsable, que implica sobre todo labores de planificación na compra de produtos perecedeiros, así como a adquisición dos estritamente necesarios. E aquí adquire gran importancia o feito de atender ás datas de caducidade para garantir as boas condicións dos artigos por un tempo prudencial. Non en van, a Unión Europea alertaba recentemente de que os cidadáns arroxamos ao cubo do lixo en torno ao 25 por cento da comida que mercamos, unha conduta inadmisible con serias consecuencias ambientais, económicas e sociais.

Neste sentido, o novo Plan galego de Xestión de Residuos Urbanos móstrase taxativo ao respecto, pois, tras un primeiro período de estabilización na xeración de refugallos, prevé a diminución dos mesmos nun 10 por cento para o ano 2020. Así mesmo, tamén contempla triplicar as taxas de reutilización e reciclado, pasando do 10 por cento actual ao 30 por cento, e minorar o vertido ata lograr que este caia do 58 ao 24 por cento, desviando a vertedoiro única e exclusivamente os refugallos que non poidan ser reutilizados, reciclados nin valorizados material ou enerxeticamente.
A reutilización dos materiais o maior número de veces posible constitúe a outra asignatura pendente. Os produtos de usar e tirar deben deixar paso ao alongamento da vida útil dos mesmos, promovendo o máximo aproveitamento dos mesmos.

Así mesmo, a activa participación da poboación nos mecanismos de recollida selectiva faise imprescindible para facilitar a reciclaxe, garantindo con isto a transformación dos desperdicios en novas materias primas e contribuíndo deste xeito ao aforro de recursos e enerxía. Pero a separación de residuos non está a alcanzar os niveis de calidade desexados. Como media, o 30 por cento dos materiais que depositamos nos contedores amarelos son incorrectos, de aí que a Consellería, xunto con Ecoembalajes España, queira promover a campaña que nos ocupa nun total de 66 concellos con porcentaxes de impropios situados entre o 31 e o 40 por cento.

As actividades específicas deseñadas para os escolares obedecen a que estes poden constituír un importante motor na conciencia medioambiental dos maiores, levando a cabo unha interesante tarefa educativa no seu contorno social máis inmediato.

MODUS OPERANDI

Monitores de educación ambiental percorrerán os distintos colexios para facer un diagnóstico inicial do nivel de coñecementos dos alumnos en torno ao principio dos tres erres, poñendo a proba a súa bagaxe e habilidades, así como o nivel de acerto á hora de discriminar os materiais que deben ser introducidos en cada recipiente: contedor amarelo, para os envases lixeiros; azul, para o papel e cartón; iglú verde, para os envases de vidro; e contedor verde convencional para os restos orgánicos e non reciclables.

E aquí recordaráselles, fundamentalmente aos escolares do medio rural, as posibilidades que ofrece a compostaxe doméstica ao permitir a transformación da materia orgánica nun abono de alta calidade que as familias poderán utilizar para fertilizar as súas hortas e xardíns, evitando que esta fracción deba ser recollida polos servizos municipais e, polo tanto, entregada a Sogama para a súa xestión; unha xestión que as arcas locais deben costear.

Saúdos, Departamento de Comunicación

19 Nov 2012

Galería