Imagen_Sogama_Home
Vimeo
Linkedin

Idiomas

"Combina e móvete", lema da Semana Europea da Mobilidade 2018

Print this pagePrint this page
  • Celebrarase do 16 ao 22 de setembro, sendo o seu principal obxectivo levar a cabo un labor de sensibilización sobre as negativas consecuencias que ten o uso irracional do coche na cidade, tanto desde a dimensión ambiental como para a saúde pública.
  • O evento bateu o pasado ano o seu propio récord coa participación de 2.526 cidades de medio cento de países, que implantaron preto de 8.000 medidas permanentes. España estivo representada con 467 cidades, sendo líder indiscutible desta iniciativa.
  • Coa mesma, a UE pretende animar e motivar á poboación a usar e combinar diferentes modos de transporte nos desprazamentos urbanos de persoas e mercancías a fin de alcanzar unha maior eficiencia, rapidez, flexibilidade, comodidade, fiabilidade, aforro e sostibilidade.

Cerceda, a 14 de setembro de 2018.- Do 16 ao 22 de setembro, e baixo o título “Combina e Móvete”, celébrase unha nova edición da Semana Europea da Mobilidade, cuxa pretensión é levar a cabo un labor de sensibilización sobre as negativas consecuencias que ten o uso irracional do coche na cidade, tanto desde a dimensión ambiental como para a saúde pública, enxalzando as vantaxes asociadas a outros modos de transporte máis sostibles como o público, a bicicleta ou simplemente camiñar.

O evento, que conta co apoio da Comisión Europea, superou o pasado ano o seu propio récord coa participación de 2.526 cidades de medio cento de países, que implantaron preto de 8.000 medidas permanentes centradas fundamentalmente na mobilidade, a accesibilidade e instalacións para bicicletas.  A semana culmina o día 22 coa celebración dunha xornada A cidade sen o meu coche!, na que as localidades participantes reservan en exclusiva unha ou varias zonas para peóns, ciclistas e transporte público, chamando así a atención sobre as dificultades e problemas que entraña o tráfico nas urbes. Un total de 1.352 cidades celebraron en 2017 o Día sen Coches.

MULTIMODALIDADE: TODO VANTAXES

Co lema “Combina e Móvete”, a Unión Europea quere animar e motivar á poboación a usar e combinar diferentes modos de transporte nos desprazamentos urbanos de persoas e mercancías a fin de alcanzar unha maior eficiencia, rapidez, flexibilidade, comodidade, fiabilidade, aforro e sostibilidade, proporcionando a multimodalidade outras vantaxes tales como a redución da conxestión de tráfico e da contaminación, mellorando con isto a saúde e calidade de vida.

Neste sentido, cabe recordar que a Comisión Europea estableceu como grandes obxectivos a eliminación nas cidades, para 2050, dos coches con combustibles convencionais, avanzando ao mesmo tempo cara a unha loxística urbana sen emisións nos principais centros urbanos para 2030. A crecente tendencia cara á dixitalización na mobilidade urbana constitúe un impulsor clave na promoción da multimodalidade.

Son múltiples os beneficios, tanto ambientais como económicos e para o benestar, que ten apostar por transportes alternativos ao coche particular. O transporte público, por exemplo, permite aproveitar o tempo para ler, traballar, falar, escoitar música de forma relaxada, etc. A bicicleta e camiñar facilitan o exercicio físico, coa particularidade de que camiñar é gratis e os prezos dunha bicicleta ou un abono mensual en medios colectivos son relativamente baixos.

Non se debe esquecer que a mobilidade urbana é responsable do 40% de todas as emisións de CO2 do transporte por estrada e estímase que os atascos por si sós custan á Unión Europea aproximadamente 100.000 millóns de euros (o 1% do PIB).

467 cidades españolas participaron en 2017 na Semana Europea da Mobilidade, presentando 2.720 medidas permanentes.

Imaxe: http://www.mobilityweek.eu/theme-2018/

Saúdos, Departamento de Comunicación

14 Set 2018

Galería