SOGAMA en Facebook
SOGAMA en Instagram
SOGAMA en Twitter
SOGAMA en Vimeo
SOGAMA en Linkedin
SOGAMA

Idiomas

A comida é moito máis do que vemos no prato

Print this pagePrint this pagePrint this page
  • Dependemos dela para vivir e é parte do que somos, xa que está integrada nos nosos hábitos e cultura.
  • Gústanos e necesitamos a comida, pero non a valoramos nin a respectamos. Proba disto é que un terzo dos alimentos que se producen no mundo para o consumo humano acaban desperdiciados.
  • A FAO proporciónanos unhas sinxelas receitas para amala: reduce o desperdicio alimentario, di si aos alimentos feos, apoia aos agricultores, valora o seu traballo, adopta unha dieta máis saudable e sostible, aprende de onde proceden os alimentos e conversa sobre os mesmos.

Cerceda, a 14 de xaneiro de 2020.- Se hai algo que conecta a todos os humanos é a comida. Dependemos dela para vivir e é parte do que somos, toda vez que está integrada nos nosos hábitos e cultura.

Os programas sobre cociña forman parte da programación de multitude de canles de televisión e os libros de receitas gastronómicas seguen a figurar entre os máis vendidos, coa particularidade de que a gastronomía constitúe o centro de moitas conversacións e as fotos dos nosos pratos favoritos circulan de forma permanente polas redes.

Gústanos a comida, pero non a valoramos nin a respectamos. Proba disto é que un terzo dos alimentos que se producen no mundo para o consumo humano acaban desperdiciados.

A FAO dános as receitas para amar a comida:

  • Reduce o desperdicio de alimentos e aprecia o interior, aínda que sexan feos desde o punto de vista estético. Sírvete racións realistas, ten en conta as datas de caducidade, conserva os alimentos de xeito intelixente, doa os excedentes e elabora novos menús a partir das sobras. Cando desperdiciamos comida, tamén desperdiciamos todos os recursos utilizados para cultivar, procesar, transportar e comercializar os alimentos. A comida é moito máis que o que hai nos nosos pratos. 
  • Apoia aos agricultores. Sen eles, non teriamos os alimentos frescos que necesitamos a diario para preparar calquera dos nosos prezados pratos. Compra en mercados locais.
  • Valora o traballo que require producir os alimentos. A agricultura tamén é arte. Requírese esforzo, sementes, terra, auga, protección e grandes doses de paciencia. Aprecia a comida coma se fose unha obra de arte.
  • Adopta unha dieta máis saudable e sostible.  Normalmente non prestamos atención á influencia que teñen os alimentos e a nutrición sobre os nosos corpos. Necesitamos entender que os alimentos son enerxía. Consumir demasiada comida en xeral, ou demasiada comida dun só tipo, pode conducir á obesidade, a carencias ou a enfermidades relacionadas coa dieta.
  • Aprende de onde proceden os alimentos. Con isto aumentamos o noso coñecemento e estima polo que estamos comendo.
  • Conversa sobre a comida. O respecto polos alimentos pódese transmitir de xeración en xeración. É conveniente falar con outras persoas sobre como elixir de forma informada alimentos saudables e sostibles.

Respectar a comida significa apreciar a historia que hai detrás dos alimentos.

Fonte: FAO

Imaxe: Pixabay

Saúdos, Departamento de Comunicación

14 Xan 2020

Galería