Imagen_Sogama_Home
Vimeo

Idiomas

A Comisión Europea propón incrementar a partida financeira destinada a medio ambiente

Print this pagePrint this pagePrint this page
  • O incremento  para o próximo orzamento 2021-2027 chegaría ata os 5,45 billóns de euros, un 60% máis, concentrándose os esforzos na implementación do Acordo de París e no cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible das Nacións Unidas.
  • O comisario de Medio Ambiente, Karmenu Vella, considera que, dispoñendo de máis fondos, poderase fortalecer o programa LIFE, garantindo que poida contribuír, de forma eficaz, a protexer o medio ambiente e a acelerar a transición cara unha economía limpa, baixa en carbono e resiliente ao clima.
  • Lanzado en 1992, o programa LIFE financiou, con 5.900 millóns de euros, máis de 4.500 proxectos destinados a preservar o medio ambiente e a acción climática.

Cerceda, a 13 de xuño de 2018.- De cara ao próximo orzamento 2021-2027, e co obxectivo de implementar o Acordo de París e o compromiso cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible das Nacións Unidas, a Comisión Europea propón incrementar ata os 5,45 billóns de euros (case un 60%) o financiamento destinado ao programa LIFE, que cobre o ámbito do medio ambiente e a acción polo clima.

Neste sentido, cabe sinalar que a Comisión integrou a acción climática nos principais programas de gasto da UE (política de cohesión, desenvolvemento rexional, enerxía, transporte, investigación e innovación, política agrícola común e política de desenvolvemento), circunstancia que fai posible introducir a sostibilidade en todos os ámbitos.

Karmenu Vella, comisario de Medio Ambiente, asegura que, dispoñendo de máis fondos, poderase fortalecer o programa LIFE, garantindo desta forma que poida contribuír, de forma eficaz, a protexer o medio ambiente e a avanzar cara a unha economía limpa, baixa en carbono, eficiente no consumo de enerxía e resiliente ao clima.

Un acordo sobre o orzamento xeral a longo prazo da UE resulta esencial para garantir que os fondos da UE ofrezan resultados sobre o terreo canto antes, posibilitando unha transición fluída entre o orzamento actual 2014-2020 e o novo.

Lanzado en 1992, o programa LIFE financiou, con 5.900 millóns de euros, máis de 4.500 proxectos destinados a preservar o medio ambiente e a acción climática, desempeñando un importante papel na implementación da lexislación medioambiental máis importante da UE, incluídas as Directivas Hábitats e Aves.

O actual período 2014-2020 conta cun orzamento de 3.500 millóns de euros e a proposta para o novo programa 2021-2027 baséase nos resultados da avaliación intermedia do presente, así como nunha avaliación de impacto.

CARACTERÍSTICAS DO NOVO PROGRAMA LIFE

O novo programa porá o foco de atención na enerxía limpa, pretendendo estimular o investimento e apoiar actividades centradas na eficiencia enerxética. Tamén o fará no ámbito da natureza e a biodiversidade, pretendendo integralas noutras políticas e programas  tales como a agricultura e o desenvolvemento rural, garantindo con isto un enfoque máis coherente en todos os sectores.

A economía circular e a mitigación do cambio climático eríxense igualmente nunha prioridade, atendendo especialmente á protección e mellora da calidade do aire e da auga, e implementando o marco de política enerxética e climática 2030, así como o cumprimento dos compromisos incluídos no Acordo de París.

Ademais de todo iso, o novo programa deseñouse para ser máis simple e flexible, e para facilitar tamén un acceso xeográfico máis amplo.

Saúdos, Departamento de Comunicación

13 Xuñ 2018

Galería