SOGAMA en Facebook
SOGAMA en Twitter
SOGAMA en Vimeo
SOGAMA en Linkedin
SOGAMA

Idiomas

A compostaxe doméstica gaña terreo no municipio coruñés de Ordes

Print this pagePrint this pagePrint this page
  • O concello pretende impulsar a reciclaxe da materia orgánica en orixe e reducir a cantidade de refugallos a remitir a Sogama para o seu tratamento final. 
  • Se ben a elaboración de compost constitúe unha práctica tradicional asentada no medio rural, a posibilidade de contar cun composteiro dota de maior comodidade ao proceso, permitindo levalo a cabo de forma máis hixiénica.
  • Así mesmo, o concello lanzou unha iniciativa que, baixo o título “Ordes + Limpo”, pretende formar, concienciar e sensibilizar aos veciños sobre a necesidade de contribuír a unha xestión máis sostible dos residuos.
  • “Ordes + Limpo” non é unicamente unha campaña, senón unha filosofía de vida coa que se invita á colaboración dos  distintos sectores sociais (hostalaría, industria, comercio, empresas e cidadáns) para contribuír ao benestar de todos os que habitan nesta localidade. 

Cerceda, a 12 de febreiro de 2020.- O concello de Ordes (A Coruña) segue dando importantes pasos no seu programa de compostaxe doméstica, co que pretende impulsar a reciclaxe da materia orgánica en orixe, diminuír a cantidade de residuos entregados a Sogama para o seu tratamento final e aplicar medidas de prevención e redución, tal e como establece a lexislación vixente.

Nesa carreira cara á sostibilidade, o goberno local ampliou de novo a autocompostaxe a novas vivendas, sendo xa un total de 217 as familias que participan activamente nesta iniciativa, con importantes beneficios ambientais, económicos e sociais.

Se ben a elaboración de compost constitúe unha práctica tradicional asentada no medio rural, o certo é que a posibilidade de contar cun composteiro, neste caso de 400 litros e fabricado con materiais reciclados e reciclables, dota de maior comodidade ao proceso, permitindo levalo a cabo de forma máis hixiénica.

A área de Medio Ambiente municipal é a encargada de explicar á veciñanza o funcionamento deste recipiente, que en todo caso debe colocarse en contacto coa terra, para facilitar a entrada dos  microorganismos descompoñedores, debendo os usuarios manter un control sobre parámetros claves para obter un compost de calidade, como é o caso do osíxeno, a temperatura e a humidade.

Obtense así un abono natural, con excelentes propiedades para o solo e que, ademais, actúa de barreira fronte a posibles pragas e enfermidades, á vez que evita a compra de fertilizantes artificiais, cunha elevada carga de axentes químicos.

ORDES + LIMPO: BENESTAR E CALIDADE DE VIDA

De forma paralela, o concello lanzou unha iniciativa que, baixo o título “Ordes + Limpo”, pretende formar, concienciar e sensibilizar aos veciños sobre a problemática que representa a alta xeración de lixo, a necesidade de ser coidadosos con eses refugallos aparentemente invisibles, pero cun gran impacto ambiental, como é o caso dos chicles, cuxo destino debe ser a papeleira ou o contedor verde convencional, nunca o chan.

Adicionalmente, tamén se incide na necesidade de levar a cabo unha correcta segregación dos residuos en orixe para propiciar o seu posterior reciclado e, con isto, o aforro de enerxía e materias primas.

“Ordes + Limpo” non é unicamente unha campaña, senón unha filosofía de vida que vela e invita á colaboración do conxunto dos sectores sociais (hostalaría, industria, comercio, empresas e cidadáns) para contribuír ao benestar de todos os que habitan nesta localidade.

Saúdos, Departamento de Comunicación

12 Feb 2020

Galería