SOGAMA en Facebook
SOGAMA en Instagram
SOGAMA en Twitter
SOGAMA en Vimeo
SOGAMA en Linkedin
SOGAMA

Idiomas

Conclúe o curso en liña de educación ambiental impartido por Sogama e dirixido ao profesorado

Print this pagePrint this pagePrint this page
  • Baixo o título “Pechando o círculo: a Educación Ambiental do Século XXI”, contou con 30 horas lectivas e desenvolveuse a través da plataforma PLATEGA da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, orientándose a docentes de Infantil, Primaria e ESO.
  • Dado que a xestión sostible dos residuos constitúe unha prioridade desde o punto de vista ambiental e da saúde pública, preténdese que os docentes contribúan desde as aulas, tal e como xa están a facer en moitos casos, a inculcar no alumnado o compromiso coa protección da contorna.
  • Con este xa son 16 os cursos en liña impartidos por Sogama e dirixidos a distintos colectivos sociais, destinando 9 deles a profesores/as de diferentes categorías educativas.

Cerceda, a 7 de abril de 2021.- O curso en liña promovido por Sogama e dirixido ao profesorado dependente da Xunta de Galicia (Educación Infantil, Primaria e Secundaria) concluíu recentemente de forma satisfactoria.

Baixo o título “Pechando o círculo: a Educación Ambiental do Século XXI”, a pretensión do mesmo era formar e crear conciencia sobre a importancia que ten a educación ambiental, pero non como área de coñecemento illada, senón como elemento transversal no currículo académico e instrumento de peso na transición que debemos facer desde un modelo lineal, definido polas malas prácticas de usar e tirar, a un circular no que os produtos se manteñan na economía o maior tempo posible e, unha vez finalizada a súa vida útil, se convertan en novos recursos.

Dado que a xestión sostible dos residuos constitúe unha prioridade desde o punto de vista ambiental e da saúde pública, preténdese que os docentes contribúan desde as aulas, tal e como xa están a facer en moitos casos, a inculcar no alumnado os bos hábitos vinculados á prevención e á redución da producción de lixo a través dun consumo consciente e responsable; á reutilización, alongando as prestacións dos artigos; e á reciclaxe, segregando os refugallos por tipoloxías e depositándoos nos contenedores correspondentes para que poidan ser convertidos en novos produtos.

Do mesmo xeito que en edicións anteriores, o curso foi impartido a través da plataforma PLATEGA da Consellería de Cultura, Educación e Universidade por parte de dous técnicos de Sogama. Máis aló dos residuos, abordáronse igualmente contidos asociados á loita contra o cambio climático, a conservación da biodiversidade e o uso eficiente dos recursos naturais, entre outros.

Cunha duración de 30 horas lectivas, contou cun foro no que os participantes deixaban constancia dos seus comentarios e observacións, sendo aproveitado tamén pola empresa pública para dar a coñecer novas e curiosidades de interese, e para compartir material didáctico de utilidade. Estes recursos estarán ao dispor do profesorado participante ata xuño co fin de que poidan ser descargados e utilizados posteriormente.

A avaliación ha contemplado unha proba tipo test asociada a cada tema e unha actividade final sobre o tres erres: redución, reutilización e reciclaxe.

REFORZO DA FORMACIÓN ONLINE

Con este xa son 16 os cursos online dirixidos a diversos colectivos sociais, destinando 9 deles a docentes de diferentes categorías educativas e especialidades co fin de profundar en áreas tales como a correcta xestión dos residuos urbanos, a economía circular e a educación ambiental.

Saúdos, Departamento de Comunicación

7 Abr 2021

Galería