Imagen_Sogama_Home
Vimeo

Idiomas

Conclúe o curso en liña sobre xestión de residuos orientado ao profesorado galego

Print this pagePrint this pagePrint this page
  • Baixo o título “Cara á sostibilidade na xestión do lixo doméstico”, aglutinou a participación de ao redor de 50 docentes, contando con 30 horas lectivas.
  • A través de dez temáticas profundouse na xestión xerarquizada dos residuos e os seus pormenores, tanto a nivel autonómico como nacional e europeo.
  • A formación foi impartida na súa integridade a través da plataforma dixital do CAFI, se ben os dous titores a disposición da mesma formaban parte do cadro técnico ao servizo de Sogama.
  • A empresa pública xa se atopa traballando na elaboración dos contidos do próximo curso que orientará a este colectivo e que estará centrado integramente na educación ambiental.

Cerceda, a 12 de marzo de 2018.- O curso en liña promovido por Sogama  e orientado ao profesorado galego baixo a denominación “Cara á sostibilidade na xestión do lixo doméstico”, chegou ao seu fin. Con 30 horas lectivas e ao redor de 50 participantes, dou comezo o pasado mes de xaneiro e no mesmo impartíronse dez temáticas nas que se abordaron distintas cuestións de interese vinculadas ao tratamento dos refugallos, tanto a nivel autonómico como nacional e europeo.

Así, abordouse a estratexia xerárquica de xestión do lixo, que comeza coa prevención e a redución, prosegue coa reutilización e a reciclaxe, compleméntase coa valorización, tanto material como enerxética, e culmina co vertido, a opción menos desexable dado o seu negativo impacto sobre a contorna e a saúde. Tamén se profundou noutras cuestións de interese tales como a compostaxe doméstica, a ampliación da infraestrutura industrial de Sogama e a educación ambiental, dado o público destinatario.

A formación impartiuse integramente a través da plataforma dixital do Centro Autonómico de Formación e Información (CAFI), dependente da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, se ben os dous titores encargados da mesma estaban integrados no persoal técnico ao servizo de Sogama.

As sesións teóricas foron complementadas en todo momento con distintos recursos didácticos e divulgativos de interese para a súa posible utilización nos centros educativos. Ademais, a fin de dinamizar o curso, as novidades canalizáronse a través dun foro no que se mostraban cada día novas e asuntos de interese para ser debatidos por parte dos docentes, promovendo con isto o intercambio de coñecementos, experiencias e impresións, un exercicio sumamente enriquecedor para titores e alumnos.

En todo momento intentouse combinar información xenérica con outra máis práctica e pedagóxica. O obxectivo era instruír aos participantes nas boas prácticas ambientais no ámbito da sostibilidade, pero tamén proporcionarlles as pautas para trasladalas aos seus centros educativos e á vida diaria dos seus alumnos, familias e contorna social máis inmediata.

Para superar a formación, os docentes debían aprobar todos os test asociados a cada tema e elaborar unha actividade final didáctica coa que amosar a aplicación efectiva do apreso nas aulas.

Sogama xa se atopa traballando na elaboración dos contidos do próximo curso que orientará a este colectivo e que estará centrado integramente na educación ambiental.

Saúdos, Departamento de Comunicación

12 Mar 2018

Galería