SOGAMA en Facebook
SOGAMA en Instagram
SOGAMA en Twitter
SOGAMA en Vimeo
SOGAMA en Linkedin
SOGAMA

Idiomas

COP 26: unindo ao mundo para facer fronte ao cambio climático

Print this pagePrint this pagePrint this page
  • Arrincará en Glasgow o vindeiro domingo, 31 de outubro, e estenderase ata o 12 de novembro.
  • Nesta conferencia da ONU daranse cita gobernos de todo o mundo para acordar accións coordinadas co obxectivo de abordar o cambio climático.
  • Europa quere ser o primeiro continente climaticamente neutro do mundo. Para logralo, comprometeuse a reducir as emisións en alomenos un 55% para 2030, en comparación cos niveis de 1990.

Cerceda, a 27 de outubro de 2021.- Tras ser suspendida en 2020 pola pandemia da COVID-19, a conferencia da ONU sobre o cambio climático de 2021 (COP26) arrincará en Glasgow, baixo a presidencia do Reino Unido, o vindeiro domingo, 31 de outubro, e estenderase ata o 12 de novembro. Na mesma daranse cita gobernos de todo o mundo para acordar accións coordinadas co obxectivo de abordar o cambio climático.

A UE e os seus Estados membros participarán como Partes na Convención Marco das Nacións Unidas sobre o Cambio Climático (CMNUCC).  Ao respecto, Ursula von der Leyen, presidenta da Comisión Europea, manifestou que "A Unión Europea traerá a Glasgow o máis alto nivel de ambición. Facémolo por toda as xeracións futuras. Facémolo polo noso planeta. E facémolo por Europa".

A COP26 agarda acelerar os obxectivos do Acordo de París de 2015 e da Convención Marco das Nacións Unidas sobre o Cambio Climático, e lograr avances significativos, entre os que figuran alcanzar as emisións netas cero para 2050 e manter o aumento da temperatura global por baixo dos 2 graos centígrados.

Como en anos anteriores, a UE ofrece un espazo para eventos paralelos que buscan estimular o debate sobre áreas temáticas clave, facilitando o diálogo cos delegados das Partes e outros participantes, así como lanzando novas iniciativas e asociacións, e amosando tamén proxectos ou políticas inspiradores e exitosos.

Europa quere liderar o camiño na transición cara a unha economía que lle dea máis ao planeta do que lle quita. Quere ser o primeiro continente climaticamente neutro do mundo e, para logralo, comprometeuse a reducir as emisións en alomenos un 55% para 2030, en comparación cos niveis de 1990. Co Pacto Verde Europeo, a estratexia de crecemento da UE está a dar pasos concretos cara a unha economía descarbonizada.

Esta transformación da economía e as sociedades europeas non só axudará a reducir as emisións, senón que tamén impulsará a innovación e o investimento, creará máis postos de traballo e fomentará o crecemento económico.

APOIO DOS EUROPEOS E FINANCIAMENTO

A última enquisa do Eurobarómetro mostrou que os cidadáns europeos consideran que o cambio climático é o problema máis grave ao que se enfronta o mundo. Máis de nove de cada dez persoas enquisadas cualifícanno como un problema grave (93%).

Se ben todos os países teñen a responsabilidade de abordar o cambio climático, as principais economías teñen tamén un deber especial para cos países menos desenvolvidos e máis vulnerables. O financiamiento climático é esencial para eles, tanto para a mitigación como para a adaptación.

Team Europe, unha acción conxunta da UE, os seus Estados membros e as institucións financeiras europeas para proporcionar apoio colectivo aos países socios, achega 21.000 millóns de euros ao ano, o que o converte no maior doante de financiamento climático. Pero aínda queda unha brecha para alcanzar o obxectivo global, e pechar esa brecha aumentará as posibilidades de éxito na COP26.

Fonte e imaxe: Comisión Europea

27 Out 2021

Galería