Imagen_Sogama_Home
Vimeo

Idiomas

Crear arte co inservible, unha realidade no Centro Penitenciario de Monterroso

Print this pagePrint this pagePrint this page
  • Os internos do penal lucense, axudados por Carmen, a súa monitora de manualidades, crearon auténticas obras dignas de contemplación. Entre outras, flores con cascas de laranxa e limón, e obxectos decorativos a partir de tarros de café ornamentados con cascas de ovo.
  • Estes talleres de manualidades forman parte dun ambicioso plan de acción que xira en boa medida en torno ao medio ambiente e á saúde. É o caso da súa experiencia na autocompostaxe, a vermicompostaxe e a agricultura ecolóxica.
  • Preocupados igualmente pola gran cantidade de alimentos que acaban desperdiciados, meses atrás lanzaron un proxecto “Don´t Waste Food” co que pretenden poñer en valor a comida e formar aos internos nunha dieta variada e equilibrada.
  • Un arduo e apaixonante traballo capaz de dar sentido á reciclaxe en toda a súa amplitude.

Cerceda, a 12 de febreiro de 2018.- Non cabe dúbida de que o centro penitenciario de Monterroso (Lugo) constitúe todo un exemplo a seguir no ámbito educativo. O seu magnífico cadro docente, coordinado por Pedro Cantero, e arroupado por unha Dirección que se involucra ao máximo en todas as iniciativas orientadas cara á formación e a aprendizaxe dos internos, constitúe a clave do éxito dunha institución pioneira e modélica nesa ardua tarefa que implica a reinserción social. O seu compromiso vai máis aló do ámbito puramente profesional e, en moitas ocasións, transcende ata á faceta persoal, involucrándose ao máximo en experiencias alleas que requiren desa axuda que sempre están dispostos a conceder para encauzar outras vidas cara a un futuro mellor.

E neste difícil labor botaron man do medio ambiente, que lles serve para formar aos alumnos nun maior compromiso coa contorna e a  traballar valores fundamentais para a convivencia tales como a honestidade, a solidariedade, o compañeirismo e a empatía.

Estes días facían partícipes á comunidade dos magníficos talleres de manualidades que imparte Carmen, a súa monitora na materia, capaz de ensinarlles a crear arte co inservible e a facer posible o máximo aproveitamento dos produtos, principal parámetro que define a economía circular. Bandexas decoradas con flores confeccionadas a partir de cascas de laranxa e limón, ou obxectos decorativos elaborados con tarros de café e ornamentados con cascas de ovo, son algunhas das mostras. Utilidade e beleza combínanse nun traballo no que as mans dos internos, co asesoramento da súa profesora, son capaces de crear e innovar, sacando o mellor de si.

PLAN DE ACCIÓN EN TORNO AO MEDIO AMBIENTE E Á SAÚDE

Pero esta actividade constitúe unha máis das múltiples accións que o centro leva a cabo a través dun ambicioso plan educativo. No seu momento lanzáronse á construción dun invernadoiro reciclado no que utilizaron milleiros de botellas plásticas de auga e no que hoxe cultivan infinidade de produtos ecolóxicos. O abono, de primeira calidade, non pode ser mellor. Obtéñenno a través de composteiros domésticos que instauraron en varios módulos no marco dun convenio de colaboración formalizado no seu momento con Sogama. A súa experiencia doulles pé a publicar un libro do que hoxe se senten verdadeiramente orgullosos, toda vez que aglutina o traballo de docentes e internos. Non satisfeitos, quixeron dar un paso máis e probar coas lombrigas de terra e hoxe dispoñen tamén de varios vermicomposteiros en funcionamento nos que estes pequenos bichos levan a cabo unha importante tarefa: inxeren a materia orgánica e a excretan en forma de humus, un abono de calidade extraordinaria que ata supera os beneficios do obtido a partir da autocompostaxe.

En ambos os dous casos, solicitaron formación, que foi impartida por técnicos externos especializados en cada modalidade. Non só queren facer as cousas ben, senón ensinarllas aos internos e contribuír á súa aprendizaxe.

Atentos sempre ás últimas novidades ambientais, e tendo en conta a preocupación existente en Europa debido á gran cantidade de alimentos que se desperdician en toda a cadea (produción, distribución, comercialización e consumo), abordaron un proxecto “Don´t Waste Food” no que traballan desde fai meses e ao que deron un carácter transversal, participando no mesmo, tanto o persoal médico como xurídico, de cociña e docente, ademais dos propios internos. Xuntos queren saber por que se desbotan determinados alimentos e que poden facer para reducir a cantidade de comida que acaba no cubo do lixo. Como dicía Pedro Cantero, “queremos poñer en valor a comida”, un ben escaso para moitos. O proxecto está a ser aproveitado igualmente para formar aos internos nas vantaxes que ten para a saúde unha dieta variada e equilibrada.

Medio ambiente e saúde constitúe o binomio que hoxe impregna a operativa dunha institución capaz de dar sentido á reciclaxe en toda a súa amplitude.

Saúdos, Departamento de Comunicación

 

12 Feb 2018

Galería