Imagen_Sogama_Home
Vimeo
Linkedin

Idiomas

Cuntis incorpórase ao programa de compostaxe doméstica de Sogama

Print this pagePrint this page
  • A empresa pública entregou a este concello pontevedrés 25 composteiros, de 350 litros e fabricados con materiais reciclados e reciclables, para que poidan ser distribuídos entre outras tantas vivendas.
  • Con esta iniciativa, o ente local poderá alcanzar interesantes beneficios ambientais, económicos e sociais.
  • Os veciños participantes teñen á súa disposición unha páxina web específica www.compostaconsogama.gal, a través da cal poden acceder a información diversa e recursos tales como vídeos e xogos.

Cerceda, a 12 de xullo de 2018.- O concello pontevedrés de Cuntis solicitou a súa incorporación ao programa de compostaxe doméstica de Sogama. A empresa pública remitiu ao ente local 25 composteiros domésticos para que poidan ser distribuídos entre outras tantas vivendas unifamiliares que conten con terreo (xardín, horta ou terra de cultivo) no que aplicar o compost resultante.

Os recipientes entregados teñen capacidade para 350 litros e están fabricados con materiais reciclados e reciclables. O obxectivo dos mesmos é facilitar o proceso de elaboración de abono natural a partir da materia orgánica xerada nos fogares e recuperar así unha práctica tradicional no rural galego como é a segregación dos restos orgánicos para alimento do gando e/ou elaboración de compost.

A través da reciclaxe da fracción orgánica en orixe, o concello terá a oportunidade de alcanzar importantes beneficios no ámbito da sostibilidade. Desde a dimensión ambiental, este proxecto permitiralle reducir a frecuencia de recollida e transporte do lixo convencional, o que traerá consigo menores emisións de CO2 á atmosfera.

Desde a económica, poderá ver diminuído o importe da factura a pagar a Sogama. Dado que os residuos orgánicos representan da orde do 42% da composición dunha bolsa de lixo tipo, se estes se recuperan no propio fogar, evítase o seu depósito nos contedores verdes convencionais, entregando menos cantidade de lixo a esta empresa pública.

E desde a dimensión social, evítase o desprazamento diario dos cidadáns aos contedores de recollida selectiva ubicados nas vías públicas, xa que materiais como os envases lixeiros, o vidro e o papel/cartón poden almacenarse varios días no fogar sen risco de cheiros.

A fin de que os interesados dispoñan de toda a información sobre a operativa a levar a cabo, Sogama conta cun sitio web www.compostaconsogama.gal no que atoparán diversa documentación, ademais doutros recursos tales como vídeos e xogos.

O seguimento do proceso recaerá no propio persoal do ente local a través de visitas porta a porta orientadas a comprobar a correcta aplicación da técnica, corrixir erros e solventar todas as dúbidas formuladas polos participantes.

A día de hoxe, 81 entidades da provincia de Pontevedra (38 concellos, 39 centros educativos e 4 colectivos sociais) atópanse adscritas ao programa, tendo repartido entre as mesmas preto de 3.000 composteiros.

Saúdos, Departamento de Comunicación

12 Xul 2018

Galería