SOGAMA en Facebook
SOGAMA en Instagram
SOGAMA en Twitter
SOGAMA en Vimeo
SOGAMA en Linkedin
SOGAMA

Idiomas

A Dirección do Igape interésase pola actividade de Sogama

Print this pagePrint this pagePrint this page
  • O director do Instituto Galego de Promoción Económica, Juan Cividanes, xunto con membros do seu equipo, visitou esta semana o Complexo Medioambiental de Cerceda a fin de coñecer o seu funcionamento.
  • O presidente de Sogama, Javier Domínguez Lino, foi o encargado de explicar a operativa desta infraestrutura desde a dimensión ambiental, económica e social.
  •  Recordou que esta empresa pública dá emprego a 1.000 persoas, entre postos directos e indirectos, contribuíndo ao desenvolvemento económico de Galicia e á creación de riqueza.

Cerceda, a 11 de setembro de 2020.- O director do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), dependente da Xunta de Galicia, Juan Cividanes, acompañado por membros do seu equipo, visitou esta mañá o Complexo Medioambiental de Sogama en Cerceda (A Coruña), onde se tratan os residuos urbanos de 295 municipios (máis de 2.242.000 habitantes),a fin de coñecer con detalle a operativa das distintas instalacións que o conforman.

CREACIÓN DE EMPREGO E RIQUEZA

O presidente de Sogama, Javier Domínguez Lino, foi o encargado de dar unhas primeiras explicacións sobre a actividade desta empresa pública desde a vertente ambiental, económica e social, incidindo na súa achega á creación de emprego e riqueza, con 1.000 postos de traballo, entre directos e indirectos.

Domínguez recordou que a infraestrutura da compañía está conformada polo complexo cercedense, 37 plantas de transferencia distribuídas polo conxunto do territorio galego e un vertedoiro controlado de apoio no que se ubica unha planta de compostaxe industrial que, a día de hoxe, dá servizo aos concellos coruñeses de Carballo, Cerceda e A Laracha tras a implantación, por parte destes, da recollida selectiva da materia orgánica a través do quinto contedor, de cor marrón.

MÁIS EFICIENCIA A TRAVÉS DA INNOVACIÓN

O máximo responsable de Sogama abundou nas vantaxes que reportou a ampliación do Complexo Medioambiental nun 81% (pasando de 550.000 toneladas anuais a 1.000.000) a través da posta en marcha dunha nova planta para a recuperación dos materiais reciclables contidos no lixo en masa, concibida en plena sintonía coa industria 4.0, e a remodelación da antiga planta de reciclaxe, tratamento e elaboración de combustible.

Así mesmo, fixo un repaso polo conxunto das melloras técnicas acometidas nas instalacións e orientadas a optimizar o servizo público prestado aos galegos, así como o reto que supuxo no seu momento seguir xestionando os residuos tras a pandemia da COVID-19.

Neste sentido, referiuse tamén ao traballo de Sogama na xestión dos refugallos sanitarios de baixo risco tales como luvas, máscaras desbotables, buzos e asimilables. Para isto, e nun tempo récord, a empresa redactou o proxecto técnico e habilitou unha planta provisional de pretratamento para que estes materiais, unha vez triturados, se valorizasen enerxeticamente a temperaturas superiores a 850ºC, garantindo desta forma a destrución de  elementos nocivos. Domínguez insistiu en que esta liña de xestión levouse a cabo de forma independente á propia dos residuos urbanos, contando para este cometido con persoal externo.

O transporte sostible foi outro dos puntos abordados, toda vez que Sogama priorizou o ferrocarril como medio preferente para o transporte de lixo desde distintos puntos da comunidade ata o complexo de Cerceda, logrando subir do 25% en 2016 ao 55% na actualidade. A entidade promove así un medio máis respectuoso coa contorna, con maior sincronización horaria, máis sostible, con menor sinistralidad e con menos molestias cidadás.

A PÉ DE OBRA

Tras expoñer os puntos máis relevantes da función de Sogama, os integrantes do grupo realizaron unha visita guiada polo Complexo, onde puideron tomar boa nota do percorrido que segue o lixo desde que chega ao mesmo ata que acaba convertido en recurso, ben mediante a súa selección por tipoloxías e posterior envío da parte reciclable á industria transformadora, ben a través da súa conversión en electricidade, no caso da fracción non reciclable.

A misión do Igape, axencia adscrita á Xunta de Galicia para o desenvolvemento económico de Galicia, é a de apoiar todas as actividades que contribúan a mellorar o sistema produtivo galego, facilitando os procesos de creación, consolidación e crecemento empresarial.

Saúdos, Departamento de Comunicación

11 Set 2020

Galería