- Educar ao consumidor en materia de reciclaxe de envases, unha visión estratéxica integral e a colaboración de toda a cadea de valor, claves para o binomio vida útil e sostibilidade.
Cerceda, a 1 de abril de 2021.- O mundo do packaging está a evolucionar para atopar un equilibrio entre vida útil, seguridade dos produtos e impacto ambiental.
O ecodeseño, o uso de monomateriais, a reciclaxe post-consumo e educar ao consumidor na separación de refugallos en orixe son algunhas das tendencias cara ás que se dirixe o sector e que foron analizadas nunha mesa redonda virtual promovida polo Centro Tecnolóxico AINIA baixo o título “Innovación, unha oportunidade en Packaging: sostibilidade e consumidor”.
Moderada pola directora xeral desta entidade, Cristina del Campo, a xornada contou coa participación do director comercial de CAIBA, José Parra; a directora de Innovación División Foodpack de Klöckner Pentaplast, Ana Fernández, e o director xeral de PLASBEL, Antonio Beltrán.
Na súa intervención, del Campo sinalou que “a nova normalidade confirmou que a sostibilidade non é unha moda. O futuro do packaging pasa por procesos produtivos e solucións de envase distintas, dando resposta ao novo paradigma da Economía Circular”.
No sector de alimentación e bebidas, os plásticos contribúen a garantir a seguridade dos alimentos e a redución do desperdicio alimentario. No entanto, tal e como apuntou “hai unha necesidade urxente de abordar aspectos ambientais e o reto é lograr que os novos materiais e as solucións alternativas ao plástico convencional manteñan as súas propiedades barreira e outras funcionalidades. Para logralo, fai falta unha visión estratéxica integral e a colaboración de toda a cadea de valor”, engadiu
José Parra indicou que o ecodeseño é unha área que as empresas están a potenciar, non só na redución do peso, senón tamén en evitar aditivos ou produtos que poidan dificultar que ese envase teña posteriores usos.
Doutra banda, o mercado do envase flexible para packaging evolucionou cara á combinación de distintos tipos de materiais poliméricos e non poliméricos, a fin de buscar as mellores propiedades de cada material en cada momento, logrando envases disruptivos.
Para Beltrán “o uso dos monomateriais facilitaría a eficiencia da recuperación deses materiais”, manifestando que “non hai un material nin bo nin sustitutivo para todo, senón que cada un ten as súas vantaxes e inconvenientes. Nese sentido, cre que se debe tender cara á racionalización, buscando os produtos que acheguen un valor diferencial para a utilidade que vai ter e promover eses materiais para esa contorna”.
Segundo Ana Fernández, o ecodeseño está a enfocarse cara a unha visión máis global: deseñar para reciclar e potenciar a Economía Circular, que non só é reciclado senón a redución do desperdicio alimentario. Ao seu xuízo “hai que deseñar para buscar a seguridade alimentaria; reducir o malgasto alimentario, e reciclar, dirixíndonos ao uso do monomaterial e á redución de aditivos non necesarios, por exemplo, as cores. Pero tamén é necesario deseñar para reutilizar mellor os produtos que xa se puxeron no mercado”.
INFORMACIÓN E CRITERIOS COMÚNS
Ademais da administración, considera Fernández que “os xestores de residuos deben ter un papel importante en campañas informativas ao consumidor. É necesario unha función formativa centralizada e con claras instrucións. Hai que ter en conta que a mellora dos cocientes de efectividade da selección e da reciclaxe empeza pola educación do consumidor final”.
Así mesmo, avogou pola estandarización, co consenso entre todos dunhas guías claras para o deseño, selección e reciclado.
José Parra, engadiu un matiz, que pasa por “facilitar a vida ao consumidor, cunha etiquetaxe sinxela e entendible que informe sobre o material do envase e a súa reciclabilidade para que seleccione tipos de envase en función da súa sostibilidade”.
Fonte: AINIA
Imaxe: Pexels