Imagen_Sogama_Home
Vimeo
Linkedin

Idiomas

A economía circular permitiría reducir o consumo de materias primas e as emisións

Print this pagePrint this page
  • Nalgúns sectores sería posible diminuír o consumo de materias primas entre un 80 e un 99%.
  • A emisión de gases de efecto invernadoiro podería descender entre un 79% e un 99%.
  • A economía circular tamén pode colaborar á creación de emprego verde.

Cerceda, a 8 de novembro de 2018.- No marco do  Foro Mundial de Economía Circular, que recentemente tivo lugar na cidade xaponesa de Yokohama, deuse a coñecer os enormes beneficios medioambientais e económicos que suporía o cambio desde o actual modelo de economía lineal ao modelo de economía circular.

Nesta importante cidade portuaria, a segunda máis poboada de Xapón, analizáronse as conclusións dun informe do “Panel Internacional de Recursos”, un selecto grupo de científicos, especialistas no consumo dos recursos naturais, que traballan baixo os auspicios de ONU Medio Ambiente, desde 2007, coa finalidade de xerar e compartir coñecementos que permitan mellorar o uso dos recursos naturais.

REDUCIÓN E AFORRO

Nesta ocasión, os expertos do Panel Internacional de Recursos estudaron os efectos que se derivarían de aplicar un modelo de economía circular aos sectores de fabricación de pezas de automóbiles, maquinaria de descarga pesada e equipos de impresión industrial.

Os membros do Panel conclúen que a remanufactura, restauración, reparación e reutilización de produtos industriais dos sectores obxecto de análise suporía unha redución do consumo de materias primas de entre o 80 e o 99%.

Pola súa banda, as emisións de gases de efecto invernadoiro experimentarían unha redución comprendida entre o 79 e o 99%, se adoptásemos estes procesos de retención de valor.

A concentración da poboación no medio urbano e o crecemento da clase media, ao longo do século XX e o que vai do século XXI, provocou un incremento exponencial das actividades extractivas dos recursos naturais. Tanto é así, que os seres humanos estamos consumindo os recursos do planeta a un ritmo moi superior ao que se poden repoñer; e, ademais, estamos contaminando a contorna cos residuos derivados dos nosos hábitos de consumo. O cambio de modelo, de economía lineal a circular preséntase como a única vía para conciliar o crecemento económico coa preservación do medio ambiente.

VANTAXES

Por outra banda, eses procesos de retención de valor dos produtos, compoñentes e recursos -que son o corazón da economía circular-, poden contribuír á xeración de emprego verde, estimulando o crecemento económico, á vez que permitirían reducir os custos de produción da industria, soslayando as limitacións de recursos. Tamén provocarían a apertura de novos mercados, permitindo aos consumidores beneficiarse de prezos máis baixos nos produtos restaurados.

Para facernos unha idea do potencial dos procesos de retención de valor, basta con dicir que, actualmente, a remanufactura de produtos representa tan só o 2% da produción nos Estados Unidos e un 1’9% en Europa.

En síntese, o tránsito do actual modelo de economía lineal ao de economía circular é unha necesidade inaprazable, se queremos preservar os escasos recursos do planeta, garantindo tamén a saúde do medio ambiente; e, constitúe, ademais, un marco idóneo para o crecemento sostible, a redución de custos na fabricación e o abaratamento dos bens de consumo.

Fonte: ONU Medio Ambiente

Imaxe: Pixabay

Saúdos, Departamento de Comunicación

8 Nov 2018

Galería