SOGAMA
SOGAMA
SOGAMA
SOGAMA
SOGAMA
SOGAMA
SOGAMA en Facebook
SOGAMA en Twitter
SOGAMA en Vimeo
SOGAMA en Linkedin
SOGAMA

Idiomas

A educación ambiental eríxese nunha prioridade para Sogama

Print this pagePrint this page

Hoxe celébrase o Día Mundial da Educación Ambiental, unha data coa que se pretende incitar á reflexión da cidadanía en torno á contribución, individual e colectiva, á protección e mellora do medio ambiente.

Máis alá da súa actividade industrial, esta Sociedade pública invirte grandes esforzos na materialización de programas educativos destinados aos distintos sectores sociais nun intento de fomentar a concienciación e sensibilización en torno á axeitada xestión dos residuos urbanos.

Programas de visitas ás súas instalacións, edición de material didáctico, participación en cursos, xornadas, foros e congresos, patrocinio de programas radiofónicos de corte educativo, publicacións infantís e campañas escolares destinadas ao alumnado de primaria e secundaria constitúen, entre outras, algunhas das iniciativas coas que esta entidade pretende responder ás necesidades educativas da poboación.

Cerceda, a 26 de xaneiro de 2011. - Hoxe conmemórase o Día Mundial da Educación Ambiental, unha data que, instaurada no ano 1972 a partir da Declaración de Estocolmo, pretende incitar á reflexión da poboación en torno á grande importancia que ten, non só para preservar o contorno natural, senón para garantir a nosa saúde e calidade de vida, velando igualmente polo benestar das xeracións vindeiras.

Consciente de que só a través da educación se poderá avanzar cara a unha sociedade máis xusta, solidaria e respectuosa co medio que nos rodea, a día de hoxe, a educación ambiental pasou a ser unha prioridade para Sogama, destinando a este labor grandes investimentos.

A escola e a familia constitúen os ámbitos por excelencia que marcan a formación integral do ser humano e o preparan, en maior ou menor medida, para encarar un futuro cheo de desafíos, incertezas, riscos e retos aos que debe enfrontarse para garantir a súa supervivencia, pero tamén para achegar o seu coñecemento e bagaxe ao progreso e ao crecemento.

O desenvolvemento sostible representa na actualidade o grande obxectivo que nos une a todos e ao que todos, sen exclusión, debemos contribuír. Neste escenario, a correcta xestión dos residuos urbanos que, de forma desmedida, producimos día a día, eríxese nunha das pretensións de maior peso dentro das políticas ambientais dun país pola ameaza que os desperdicios supoñen dende todas as dimensións (ambiental, social e económica).

Actividades para todos os públicos

Máis alá da súa actividade industrial, Sogama non escatimou esforzos en achegar o seu gran de area na concienciación e sensibilización dos distintos colectivos, prestando especial atención aos escolares e comunidades educativas no seu conxunto.

Así, e co fin de dotar de transparencia ao seu cometido, non dubidou en instaurar un programa de visitas ás súas instalacións, polas que xa pasaron máis de 50.000 persoas, mostrando o proceso que se leva a cabo nas mesmas. Monitores especializados guían o percorrido realizado polos distintos grupos, proporcionando as pertinentes explicacións, adaptadas en todo caso ás distintas franxas de idade. Diverso material divulgativo complementa esta actividade a fin de que os visitantes poidan interiorizar e asimilar os coñecementos recibidos.

A participación da entidade en cursos específicos de saúde ambiental, congresos, foros e xornadas técnicas, conforma outra das facetas a través das cales chega a un público obxectivo máis especializado e con grande capacidade de influencia sobre o resto da cidadanía, servindo como correa de transmisión da información obtida.

Dado que, por cuestións de seguridade, os menores de 9 anos non poden visitar a infraestrutura industrial de Sogama, a empresa logrou solucionar este hándicap co deseño e elaboración de publicacións específicas. É o caso de personaxes tan coñecidas na literatura infantil galega tales como Os Bolechas, a través dos cales puideron coñecer, dunha forma didáctica, o funcionamento do Complexo Medioambiental de Cerceda e rede de plantas de transferencia, así como as fórmulas e estratexias para diminuír a produción de residuos, identificando con precisión os materiais a introducir no colector amarelo.

Pola súa banda, a educación cívica tamén cobrou especial protagonismo na estratexia divulgativa desta compañía pública. E como exemplos, os contos para colorear, que tiveron unha magnífica acollida entre o alumnado de 5 anos. Títulos como "O envase vacilón", "Limpiña, a praia máis bonitiña" e "A papeleira feliz, sen orellas e sen nariz,", fixeron as delicias dos máis pequenos, ao tempo que contribuíron a espertar a súa sensibilidade en torno aos comportamentos máis adecuados para coidar o medio ambiente.

Outras campañas, como a que leva por nombre "Ti es a peza que falta", afianzáronse de tal forma, que Sogama xa prepara a 5ª edición, incentivada, ao igual que as anteriores, con interesantes premios para todos os que se impliquen na súa execución.

O uso racional das bolsas de plástico, as boas prácticas ambientais e de aforro enerxético, o transporte sostible e o aforro ambiental e económico que supón a redución de residuos e a participación nos mecanismos de recollida selectiva, representan as temáticas abordadas ata o momento.

Obras de teatro sobre a reciclaxe, obradoiros, charlas en torno á compostaxe doméstica e selección de residuos en orixe, así como programas radiofónicos constitúen igualmente actuacións de peso que a Sociedade realiza periodicamente co ánimo de dar continuidade ao seu labor educativo.

Presenza nas redes sociais

Sogama xa está presente nas tres redes sociais máis utilizadas en España: Facebook, Twitter e Tuenti, situándose á vangarda da comunicación 2.0.

Baixo o título "Por unha Galicia Sostible. Educación Ambiental Sogama", a empresa intenta achegarse aos internautas para coñecer as súas opinións e experiencias en torno á educación ambiental, extremo que lle servirá de grande axuda para orientar as súas estratexias de comunicación e divulgación.

Saúdos, Departamento de Comunicación

26 Xan 2011

Galería